Deputación de Lugo

Máis de 320 alumnos de ESO de 9 centros da provincia participarán nas primeiras visitas lúdicas da Fundación TIC

O proxecto arrinca mañá coa visita de 32 alumnos do colexio Divina Pastora que serán os primeiros en coñecer o traballo que se leva a cabo a diario nos estudos de televisión e na gravación dos informativos Estas actividades divulgan o labor da Fundación TIC de promoción da educación, investigación e desenvolvemento das TIC a través da actividade da Escola de Imaxe e Son e do Centro de Produción de Programas

Máis de 320 rapaces de ESO de 9 centros educativos da provincia serán os primeiros en participar na novidosa iniciativa posta en marcha pola Fundación TIC, que consiste nunha variadas programación visitas e actividades gratuítas para achegar ós máis novos ás novas tecnoloxías dun xeito lúdico e diferente. Os primeiros destes en tomar parte serán 32 alumnos do Colexio Divina Pastora de Lugo, que mañá pasarán unha xornada diferente aprendendo coma as novas tecnoloxías xogan un papel destacado na vida cotiá.

Deste xeito, os rapaces participantes poderán coñecer de preto o traballo diario que se desenvolve nun estudo de televisión: produción, edición, realización e postprodución de audiovisuais. Esto permitiralles coñecer as instalacións da Escola de Imaxe e Son (EIS) e do Centro de Produción de Programas (CPP) e participar activamente na gravación dun espazo informativo que realizarán e editarán e producirán os alumnos da EIS. Coma recordo da xornada, os escolares recibirán unha copia do vídeo do programa.

A iniciativa foi acollida moi positivamente entre os centros escolares da provincia, moitos dos cales xa solicitaron tomar parte nela. Aínda quedan semanas libres, de xeito que os colexios interesados poden poñerse en contacto cos responsables da Fundación para organizar as súas visitas, que a partir de agora terán lugar os venres.

Formación en TIC

A Fundación TIC ten coma obxectivo prioritario traballar en prol da educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC, así como ofrecer formación en novas tecnoloxías ós lucenses. A actividade da Fundación xira en torno a dous centros: a Escola de Imaxe e Son, o único centro que imparte en Lugo ensinanzas superiores de Produción e de Realización de Audiovisuais, Radio e Espectáculos; e o Centro de Produción de Programas, aulas e instalacións profesionais nas que os alumnos da Escola de Imaxe e Son reciben formación teórica e práctica. Grazas á calidade da formación e os medios técnicos dispoñibles, os alumnos acadan un nivel óptimo de coñecementos, acorde ás demandas técnicas do mercado audiovisual actual.