Deputación de Lugo

A Deputación denuncia que 'as chapuzas do PP na rede viaria provincial custarán ós lucenses a lo menos outros 200.000 euros'

É o mínimo investimento que a institución terá que desembolsar para reparar os 12 saleiros, hoxe oxidados e con fisuras, “porque o Partido Popular mercou silos sen control e sen garantía” Martínez subliña que “o PP despilfarrou máis de 250.000 euros de todos os veciños, adquirindo uns saleiros que, nin soportan as condicións climatolóxicas da provincia, nin tan sequera as toneladas de sal que deben almacenar durante o inverno”O organismo provincial reparou o saleiro da Fonsagrada con 16.000 euros, presuposto que se incrementará coas actuacións necesarias “para que isto non volte a suceder” e que estenderán á totalidade dos silos

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, denunciou este xoves que “as chapuzas que levou a cabo o Partido Popular na rede viaria provincial custarán ós lucenses a lo menos outros 200.000 euros”. Trátase do investimento que como mínimo se terá que achegar para reparar a totalidade dos 12 silos de sal cos que conta a institución provincial para atender as incidencias por neve ou xeo en máis de 4.000 quilómetros de estradas luguesas. Martínez subliñou que “o PP despilfarrou máis de 250.000 euros de todos os veciños, adquirindo uns saleiros que, nin soportan as condicións climatolóxicas desta provincia, nin as toneladas de sal que deben almacenar durante a tempada invernal. O Partido Popular adquiriu silos sen control, sen a calidade suficiente e sen tan sequera garantía. Así xestionan os populares”.

Segundo os técnicos, os saleiros provinciais están na actualidade totalmente oxidados, porque non contan coa capa de protección necesaria para protexelos das temperaturas, choivas ou neves que se rexistran en Lugo. As vigas nas que se sustentan tamén se atopan danadas, porque non soportan as 30 toneladas de sal que teñen de capacidade, facendo que as estruturas teñan fisuras.

16.000 euros nos primeiros traballos e nun só saleiro

O Deputado deu conta desta situación durante a visita que realizou á Fonsagrada para supervisar o remate dos traballos de reparación do silo situado neste municipio da montaña luguesa, un dos máis perxudicados debido á zona na que se sitúa, con abundantes neves e xeadas que obrigan ó seu continúo uso. Estas actuacións consistiron: selado das fisuras existentes, substitución do ferro oxidado e pintado. Martínez explicou que “ata o momento executamos as mínimas melloras para poder empregar este silo, gastando 16.000 euros. Pero, posteriormente, realizaremos as actuacións que valoren os técnicos para que, co paso do tempo, isto non volte a suceder. Teremos que facer o mesmo en cada un dos saleiros. É dicir, as chapuzas do PP obrigarannos a desembolsar máis de 16.000 euros nos 12 silos cos que conta a rede viaria provincial, superando os 200.000 euros de custes”.

Estes profesionais adiantaron que, a maiores dos traballos de reparación que se levarán a cabo de xeito progresivo para que a rede viaria provincial conte con saleiros durante o inverno, a lo menos haberá que reforzar as vigas co fin de que as estruturas non sigan perdendo masa, feito que está a provocar fisuras, así como realizar unha campaña de imprimación para que non se oxiden.

A institución ten distribuídos os silos en Cervantes, Becerreá, O Courel, Ribas do Sil, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Neles almacénanse un total de 360 toneladas de sal, 30 por silo.