Deputación de Lugo

A Deputación aproba un Plan Estratéxico de Subvencións con 10,5 millóns de euros para benestar social e emprego

É un Plan centrado na cooperación cos Concellos, ó ofrecerlles axudas de case 8,5 millóns de euros para servizos públicos, e de máis de 2 millóns para sectores estratéxicos da economía luguesaA institución emite dende hoxe todos os Plenos Provinciais a través de Internet, facendo que, por 1º vez na historia, os cidadáns poidan ver de xeito íntegro e en tempo real o desenvolvemento dunha sesión plenaria. “É unha aposta pola transparencia desta Deputación”A sesión aproba, co voto en contra do PP, esixir ós Gobernos central e autonómico: un novo borrador da reforma da Lei de Bases de Réxime Local, manter as axudas ás razas autóctonas, cumprir coa revalorización do prezo do leite e devolver á provincia 2,1 millóns para benestar

O Pleno Provincial aprobou hoxe o Plan Estratéxico de Subvencións deste ano, con 10,5 millóns de euros para fomentar o benestar social e o emprego que, tal e como destacou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, “vai en acorde co Orzamento da Deputación para 2013, ó centrarse na súa totalidade na Cooperación cos Concellos”, ós que a institución luguesa lles ofrece axudas que potencien a súa economía e combatan o despoboamento demográfico.

A institución adica preto de 8,5 millóns de euros en axudas que fomenten o benestar social, prestando servizos municipios. Esta cantidade distribúese do seguinte xeito:

- Melloras de dotacións públicas no rural: 2 millóns de euros. Dirixidas a asociacións ou colectivos veciñais sen ánimo de lucro.

- Fomento de actividades deportivas: 2,7 millóns de euros. Son axudas para Concellos, fundacións, asociacións, entidades e deportistas individuais -ós que se lles ofrecen bolsas formativas- que facilitan o desenvolvemento de iniciativas desta índole, asumindo gastos correntes ou melloras de instalacións. Neste paquete de subvencións, tamén se inclúen as colaboracións directas co Club Deportivo Lugo, C.B Breogán, Club EMEVE, Fundación Azkar, C.D Burela, Club Baloncesto Chantada, Racing Club Vilalbés, Peluquería Mixta Friol ou Asociación Deportiva A Pinguela-Monforte.

- Servizos sociais, igualdade e mocidade: 1,8 millóns de euros. Subvencións para Concellos, entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, centradas no desenvolvemento de programas que fomenten o benestar e os servizos sociais, nun espazo de igualdade, ademais da autonomía da xuvenil.

- Impulso da cultura e mellora do patrimonio cultural : 1,8 millóns de euros. Subvencións para Concellos e outras administracións públicas, asociacións, fundacións e entidades culturais, orientadas á organización de actuacións de caracter educativo e cultural, así como á conservación do patrimonio e mellora de instalacións culturais. Inclúese neste paquete, as axudas ós Conservatorios de Vilalba, Monforte e Viveiro, ademais das colaboracións co Premio Otero Pedrayo, Firlarmónica de Lugo, Festa do Oso de Salcedo (Pobra do Brollón) ou Festa das Fachas (Taboada).

2 millóns para emprego

O organismo provincial achega con este Plan outros 2 millóns de euros para fomentar o emprego na provincia, potenciando os sectores estratéxicos da economía luguesa (agricultura, gandeiría, pesca, comercio e ou turismo), así como a formación, a innovación, a investigación e o medioambiente.

- Impulso da agricultura, gandeiría e pesca: 780.000 euros. Subvencións para Concellos, entidades públicas ou privadas, fundacións, asociacións e colectivos, que desenvolvan a súa actividade nestes sectores. Neste paquete de axudas, enmárcanse as colaboracións con ACRUGA para a recuperación da rubia galega; con todas as cofradías de pescadores da provincia; ou coa organización de citas agrogandeiras como: Subasta de novillas de raza frisona de Castro de Rei, Feira do Gando de Pedrafita, MOEXMU de Muimenta (Cospeito), Festa da Cantería e Callos de Guitiriz, Festa da Castaña do Courel, Feira da Empañana de Chantada, Festa do Berberecho de Foz, Feira do Grelo de Abadín, Festa de San Isidro en Paradela, Festa Artesanal de Ferreira de Pallares (Guntín) ou Mercado Renacentista de Viveiro.

- Potenciación do comercio, da artesanía e do medioambiente: 518.000 euros. Axudas para Concellos, entidades públicas ou privadas, asociacións ou bolseiros, que faciliten a posta en marcha de proxectos nestas materias, encamiñados a xerar riqueza na provincia.

- Apoio ó turismo como dinamizador económico: 400.000 euros. Subvencións para Concellos, entidades públicas e privadas ou entidades sen ánimo de lucro, dirixidas á promoción dos recursos turísticos da provincia.

- Formación, innovación e investigación: 300.000 euros. Axudas para o impulso de novas bolsas de emprego a mozos lucenses en paro; así como para Concellos, Universidades, entidades públicas e privadas, fundacións ou asociacións, que executen iniciativas sobre investigación científica, innovación e desenvolvemento tecnolóxico.

Emisión dos Plenos por Internet

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este martes que o Pleno Provincial de xaneiro é o primeiro que se puido seguir en “streaming” -en tempo real- por todos os cidadáns a través de www.deputacionlugo.org. A partir de hoxe, todas as sesións plenarias provinciais, que teñen lugar o último martes de cada mes dende ás 11:00 horas, veranse dende a web da Deputación. Gómez Besteiro salientou que esta iniciativa é “unha aposta polas novas tecnoloxías e a transparencia desta institución, posto que todos os veciños poderán coñecer de primeira man e dende calquera parte do mundo o funcionamento dos órganos da provincia e das decisións que tomen”. O titular provincial explicou que os internautas poderán seguir, por primeira vez na historia e de xeito íntegro, o desenvolvemento dunha sesión plenaria a través de ordenadores ou dispositivos móbiles, cunha boa calidade de imaxe e son. Isto é posible, grazas ó traballo dos técnicos profesionais da Fundación TIC, que hoxe contaron coa colaboración de bolseiros da Escola de Imaxe e Son, para os que este retransmisión supón unha excepcional oportunidade máis de facer prácticas reais, que complementan os coñecementos teóricos de calidade que reciben na EIS.

Outros acordos

O Pleno aprobou, cos votos en contra dos Deputados do Partido Popular, as tres propostas que o Goberno Provincial, composto por PSdeG e BNG, levou á sesión. Isto supón, que a Deputación insta ó Goberno Central a realizar un novo borrador da reforma da Lei de Bases de Réxime Local en consenso con todos os grupos políticos porque o actual non evita duplicidades entre administracións, non aforra cartos, non define as competencias dos Concellos e non garante o financiamento necesario para as prestacións municipais. O Executivo lugués mantén que “esta reforma non soluciona ningún dos déficits da normativa do 1985. O único que busca o Partido Popular coa súa proposta é dar un paso máis cara a privatización dos servizo básicos nos municipios, facendo novos recortes”.

A institución tamén acordou esixir á Xunta que recolla nos seu Orzamento para 2013 os máis de 2 millóns de euros (2.154.000 euros) que recortou á provincia luguesa para o mantemento do sistema público de benestar. Da mesma forma, demanda ós Gobernos autonómico e central que restableza as axudas ós produtores de raza autóctona en réxime extensivo e que cumpra co acordo asinado en decembro cos Sindicatos agrarios para revalorizar o prezo do leite.

Por último, o Pleno tomou conta e aprobou, coa abstención do PP, a renuncia de Juan José Díaz Valiño como Deputado, así como a declaración dunha vacante na Corporación Provincial. Os acordos serán remitidos agora á Xunta Electoral Central, quen emitirá un informe coa certificación do novo representante no organismo provincial.