O CENTRAD convertirase en sala de concertos cun recital dos alumnos do Conservatorio de Música da Coruña
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, asistirá a un recital que se celebrará hoxe na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño. A partires das 21:00 horas, 30 alumnos do Conservatorio Superior de Música da Coruña ofrecerán ós lucenses un completo recital de música barroca. A visita destes músicos ten como obxectivo realizar unha visita á Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do CENTRAD, como parte da súa formación, pola importancia e valor que esta ten dende o punto de vista pedagóxico, xa que ofrecen unha posibilidade única de ver instrumentos que doutro xeito sería case ou totalmente imposible.
Tras percorrer as instalacións que ocupa esta Colección, os alumnos ofrecerán ós lucenses a posibilidade de desfrutar coas súas habilidades, interpretando un repertorio de música barroca formado nesta ocasión por obras de Johann Sebastian Bach. Baixo a batuta da Abraham Cupeiro, os alumnos do Conservatorio interpretarán 3 extractos das Cantatas número 71 e 79 e o Gloria Domine Deus da Misa en Si Menor deste compositor alemán, destacando a importante presenza de instrumentos de vento e corda.
O recital celebrase na Sala de Exposicións do Pavillón 4 do CENTRAD no que, ata o vindeiro día 1 de abril, permanece aberta unha exposición de ilustracións de libros infantís e xuvenís da lucense Noemí López. Contando con imaxes, que é o título desta mostra, reúne máis de 40 traballos realizados a man alzada sobre papel coas técnicas de acuarela, acrílico ou témpera que ilustraron as páxinas de obras coma A escola de Briador de Antonio Reigosa; ou O castrón de ouro de Darío Xohán Cabana, publicados por prestixiosas editoriais coma Everest Galicia, Galaxia ou Xerais.
Para todos aqueles lucenses e visitantes que aínda non tiveron a oportunidade de achegarse ata as instalacións do Centro, ubicadas na Travesía da rúa Chantada, poderán facelo ata a data da clausura tamén polas tardes, en horario de 17:00 a 20:00 horas.