Deputación de Lugo

Produtores de obras candidatas ós Premios Mestre Mateo comparten experiencias cos alumnos da EIS

Os estudantes da Escola de Imaxe e Son, dependente da Fundación TIC, participaron este luns no Pazo de San Marcos nunha mesa redonda con tres profesionais do sector, responsables dos traballos con máis aspiracións a conseguir os distinguidos galardónsA iniciativa, presentada pola Deputada de Deseño e Artesanía e Patroa da TIC, Regina Polín, forma parte dos Encontros Mestre Mateo, organizados pola Academia do Audiovisual como preámbulo a XI edición destes Premios que se celebra o vindeiro día 6 de abril na Coruña

A Deputada de Deseño e Artesanía e Patroa da Fundación TIC, Regina Polín, inaugurou este luns, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, os Encontros Mestre Mateo 2013. Esta é unha iniciativa que organiza anualmente a Academia Galega do Audiovisual como preámbulo á gala de entrega de ditos Premios e na que profesionais das obras candidatas comparten experiencias con estudantes de Escolas de Imaxe de toda Galicia. Nesta ocasión, foron os alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS) os que coñeceron de primeira man as experiencias destes profesionais, que lles falaron acerca das diferentes opcións que teñen neste medio e que resolveron as súas dúbidas sobre a profesión. Estes coloquios, salientou Polín, forman parte da aposta da Fundación TIC de que os alumnos da EIS “conten cunha formación ampla que lles axude a alcanzar o fin último, que é atopar un traballo no audiovisual para que cando sexan titulados”.

No encontro participaron como poñentes tres dos produtores de televisión e cine das obras máis nomeadas ós galardóns. Estes profesionais son Alberto Tomé, Xefe de Produción de Invasor, a longametraxe que pelexou en 5 categorías dos Premios Goya deste ano; Adrián Reza, Director de Produción do programa de televisión Galegos no Mundo, e Alberto Guntín, Produtor executivo da serie galega Matalobos.

Profesionais das obras máis nomeadas

Alberto Tomé é o produtor de Invasor, unha película creada grazas a dúas prestixiosas produtoras galegas, Vaca Films e Morena Films. A cinta lidera as candidaturas ós Premios Mestre Mateo, cun total de 11 nominacións, entre elas a de Mellor Longametraxe, Mellor Director e Mellor Dirección de Produción. Esta cinta, dirixida polo catalán Daniel Calparsoro, un dos cineastas con maior proxección internacional, e cuxa rodaxe desenvolveuse en gran parte na Coruña, obtivo 5 candidaturas na pasada edición dos Premios Goyas. No currículo de Tomé tamén figura a produción doutras existosas e premiadas longametraxes, coma Celda 211, Retornos ou Secuestrados.

Pola súa banda, Alberto Guntín é o produtor executivo da serie de Voz Audiovisual e a TVG, Matalobos, que acaba de despedirse este ano tras catro tempadas batendo marcas de audiencia na televisión pública de Galicia e gañando prestixosos premios do sector audiovisual. Guntín pelexará por facerse co galardón en 8 categorías: Mellor Serie de Televisión; Mellor Guión; Mellor Son; Mellor Vestiario; Mellor Dirección de Fotografía; mellor Dirección de Arte; Mellor Interpretación Masculina e Feminina Protagonistas.

Adrián Reza está detrás da Dirección de Produción do programa de televisión Galegos no Mundo, xunto coa produtora Portocabo, especializada en contidos televisivos e que aposta polos novos talentos xurdidos nos últimos anos no medio audiovisual galego, un excelente capital humano que significa capacidade, experiencia e frescura. Galegos no Mundo opta ó recoñecemento a Mellor Programa de Televisión e Mellor Realización.

A undécima edición dos Premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 6 de abril no Pazo de Ópera da Coruña. A gala de entrega será conducida polo actor Ricardo de Barreiro, coñecido polos seus traballos películas ou series de televisión coma Matalobos, Vilamor, 18 comidas, Celda 211, After ou Los girasoles ciegos, entre outras. De Barreiro contará coa compaña de actores e actrices de prestixio, coma Cristina Castaño, Covadonga Berdiñas, Luis Tosar, Federico Pérez, Marcos Pereiro, Alba Lago ou Camila Bossa.