Deputación de Lugo

Gómez Besteiro defende o papel das Deputacións como “Administracións intermedias ó servizo dos Concellos”

Os Presidentes provincial e da FEGAMP asinaron un convenio de colaboración para ampliar a formación da Administración Local

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández Castro, defenderon este mércores o papel e o labor das Deputacións “como Administracións intermedias cos Concellos”. Neste senso, Gómez Besteiro sinalou que “as provincias queremos estar nas grandes discusións. Creo que a Deputación, como institución intermedia cos Concellos, pode aportar moito en foros de reflexión, en cuestións referidas co municipalismo. En definitiva, debemos loitar pola lexitimación das Deputacións, aínda que, a veces, fan un papel pouco coñecido”. O máximo mandatario provincial realizaba estas declaracións no acto de sinatura do convenio de colaboración para a realización durante o ano 2008 de accións formativas destinadas ó persoal da Administración Local da provincia de Lugo. Gómez Besteiro subliñou que a visita do responsable da FEGAMP é “unha das máis agardadas desde a miña toma de posesión porque o noso referente ideolóxico e administrativo é dar a coñecer que a Deputación é a administración intermedia ó servizo dos Concellos. Os municipios son o noso referente e alá donde imos non nos cansamos de dicilo”. Para o máximo mandatario provincial a visita de Fernández Castro serve “para restablecer as pontes que polas razóns que foran quedaron rotas no pasado. Este era o noso compromiso coa Federación Galega de Municipios e Provincias e con outras Administracións: mirar para o que nos une, que é a relación cos Concellos”. Pola súa banda, o Presidente da FEGAMP amosou a súa satisfacción pola recepción do Presidente da Deputación e sinalou que a visita á Deputación de Lugo se enmarca dentro do compromiso de potenciar o contacto coas institucións provinciais. “Desde que accedín no mes de novembro do ano pasado ó cargo marqueime o compromiso de estar máis en contacto coas Deputacións. O noso nome fai que se distorsione a realidade e os obxectivos. Atendemos a 315 Concellos e a 4 Deputacións, polo que, a veces, numericamente parece que esteamos máis vencellados ós municipios que coas institucións provinciais. Isto foi algo que os Presidentes me reclamaron o día da toma de posesión, por iso, hoxe estou aquí”. Fernández Castro tamén defendeu o papel das institucións provinciais. Destacou o caso da de Barcelona que, pese a que o Parlamento adoptara facer desaparecer as Deputacións, hoxe é unha das máis potentes de España e con grande aceptación social. “Son institucións que se poñen en tela de xuízo e sobre as que se fan falsos debates con respecto a súa continuidade. Nesta falsa discusión zanxo este tema dicindo que son estrictamente necesarias, convintes e moi oportunas”.Formación para a Administración LocalO Presidente da Deputación e o Presidente da FEGAMP asinaron hoxe o convenio de colaboración que inclúe a realización de tres cursos na provincia de Lugo. As accións formativas inclúense dentro do Plan de Formación Continua da Federación Galega de Municipios e Provinciais que foi aprobado pola Mesa Nacional Galega de Formación Continua. A FEGAMP destina 216.000 euros á formación en 2008, 16.000 euros máis que en 2007 e 56.000 máis que en 2005. En total, en Galicia impartiranse 30 cursos.A Deputación de Lugo asume a realización e a xestión das 3 accións formativas, mentres que a FEGAMP financia a súa realización. Deste xeito, a Federación destinará á execución dos cursos 12.000 euros. Os cursos que se impartirán son: Técnico en Servizos Comunitarios “on line”, Xestión de Recursos Humanos ante o novo Estatuto do Empregado Público, Microsoft Publisher 2007, este último enfocado á maquetación de publicacións. Contan con 110 horas lectivas e capacidade para 42 alumnos.Están destinados ós traballadores da Administración Local. A Deputación de Lugo pon a disposición dos mesmos os equipos, as Aulas de Formación da institución provincial e o material necesario para o desenvolvemento de cada acción formativa. Asimesmo, os participantes recibirán unha certificación acreditativa da súa asistencia que indicará que estes foron organizados conxuntamente pola FEGAMP e a Deputación Provincial de Lugo. As accións formativas realizaranse antes do 31 de decembro de 2008. O primeiro, Microsoft Publisher 2007, desenvolverase desde o 15 ó 19 de setembro. Para a selección de participantes téñense en conta os seguintes criterios: que exista relación entre a materia do curso e os solicitantes, que estean representados o maior número de Concellos da provincia e a categoría profesional, dando prioridade ó persoal fixo. Os cursos e a folla de solicitude publicaranse no Boletín Oficial da Provincia. Ademais, mandarase información ós propios Concellos e colgaranse na páxina web da Deputación.Recepción Oficial O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu ó Presidente da Federación de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Antonio Fernández Castro no primeiro andar do Pazo de San Marcos. Acto seguido, Fernández Castro, que veu acompañado do Vicepresidente da FEGAMP, Eduardo Ramunde Rodríguez, foi presentado ós voceiros dos grupos políticos e ó Vicepresidente Primeiro, Antón Bao. Fernández Castro asinou no Libro de Ouro da institución provincial. No intercambio de agasallos, Gómez Besteiro fíxolle entrega dun centro de mesa de vidro elaborado polos artesáns do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Finalmente, os dous responsables mantiveron unha xuntanza no Despacho do Presidente.