Deputación de Lugo

Milleiros de escolares lucenses celebraron os Días da Árbore e da Auga coas actividades organizadas pola Deputación

Preto de 10.000 rapaces de 96 colexios de 64 Concellos da provincia leron contos e prantaron árbores cedidas pola institución provincial para conmemorar a xornadaGómez Besteiro acompañou a alumnos e mestres do colexio público San Xoán de Becerreá na prantación de dous dos preto de 100 bidueiros que se entregaron ós centros escolares

A Deputación de Lugo celebrou con escolares da provincia os Días Internacionais da Árbore e da Auga, tras o éxito acadado coa convocatoria do pasado ano. Case 10.000 rapaces participaron dende o pasado xoves 21 nas actividades que se desenvolveron de xeito simultáneo en 96 colexios de toda a provincia, co obxectivo fundamental de conciencialos acerca da necesidade de preservar o medio ambiente, comezando polo seu hábitat máis próximo, na mesma liña doutras actividades de divulgación que a institución provincial organiza para nenos e maiores de xeito habitual.

Así pois, o 21 de marzo os alumnos leron ó libro de contos Viaxe polos ríos e árbores dos Ancares, elaborado en papel reciclado, que recollía relatos breves relacionados coa xeografía e a natureza da zona, escritos por autores coma Paco Martín, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Agustín Fernández Paz, María Reimóndez, Santiago Jaureguizar, Carmen Blanco, Xabier P. Docampo e Carlos G. Reigosa. Os profesores tamén puideron participar de xeito activo grazas á Guía do Profesorado, que lles ofrecía algunhas propostas e ampla orientación para organizar xogos, manualidades ou experimentos complementarios nas aulas. A actividade central tivo lugar esta mañá, cando todos os escolares da provincia prantaron nas cercanías dos seus colexios os 100 bidueiros cedidos pola institución provincial, ós que os rapaces bautizaron cun nome elixido por sorteo e regaron por vez primeira.

Bidueiros en Becerreá

O Presidente da Deputación quixo acompañar a algúns destes rapaces na actividade central da xornada. O acto, que tamén contou coa presenza da Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, tivo lugar no CEIP público San Xoán, de Becerreá, onde o máximo responsable provincial colaborou cos alumnos e mestres deste Centro para prantar e regar dous bidueiros.

Este colexio de Becerreá foi un dos 8 da Montaña luguesa que se sumaron á iniciativa, xunto con outros 24 da comarca da Mariña; 23 da Zona Sur; 21 da comarca lucense; 17 chairegos e 3 da Ulloa, dos cales 85 eran CEIP (Centros de Educación Infantil e Primaria), 8 CPI (Centro Público Integrado), 1 CEP (Centro de Educación Primaria) e 2 CEE (Centro de Educación Especial).