Deputación de Lugo

A xustiza pecha o caso Gazeley, dando por 2º vez a razón á Deputación e obrigando á empresa a pagar todas as costas

O Xulgado de Primeira Instancia declara firme a sentenza existente sobre o caso –a favor da institución- nunha resolución xudicial que comunica que Gazeley retirou o recurso de apelación ó quedarse sen argumentos para reclamar á Deputación 4 millóns de euros dos lucensesGarcía Porto subliña que “a xustiza non só mantén que esta institución non ten que indemnizar de ningunha maneira a esta entidade, senón que determinar que é Gazeley quen ten que pagar ós lucenses as costas do xuízo e as do recurso de apelación”A Deputada subliña que “o Partido Popular debería pedir desculpas ós lucenses porque preferiu manipular este asunto e defender os argumentos dunha empresa de Dubai fronte ós dunha institución que representa ós cidadáns desta provincia”

A xustiza pechou o caso Gazeley, dando a razón por 2º vez á Deputación de Lugo e obrigando á empresa a pagar todos as costas. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, avanzou este mércores que o Xulgado de Primeira Instancia vén de declarar “firme” a sentenza existente sobre este procedemento -a favor da institución- nunha resolución xudicial emitida logo de que a entidade de Dubai decidise retirar o recurso de apelación presentado ante a Audiencia Provincial.

García Porto explicou que “malia a contundencia da sentenza do Xulgado do Mercantil, Gazeley decidiu en xaneiro presentar un recurso de apelación que, finalmente, esta empresa se viu obrigada a retirar, consciente de que non ten ningún argumento para reclamar á Deputación 4 millóns de euros de todos os lucenses. A xustiza non só mantén que esta institución non ten que indemnizar de ningunha maneira a esta entidade, senón que determinar que é Gazeley quen ten que pagar ós lucenses os custes ocasionados por este caso, é dicir, tanto as costas do xuízo como as do recurso de apelación”.

O PP non defende os intereses dos lucenses

Ante esta nova, a Deputada subliñou que “todos os lucenses estamos de noraboa. Os feitos amosan, unha vez máis, que a Deputación de Lugo xestiona ben e que sabe facer valer a súa xestión e os seus dereitos ante intereses espurios ou especulativos. E faino sen o apoio do Partido Popular lugués que, lonxe de manter unha actitude prudente, preferiu manipular este asunto e defender os argumentos dunha empresa de Dubai, que tirou polo chan a xustiza, fronte ós dunha institución que representa ós cidadáns desta provincia. A actitude do PP xa quedou patente onte no Pleno, onde tampouco defendeu os intereses dos lucenses, senón os do Goberno galego, facendo de Delegados da Xunta, ó negarse a que a principal administración galega cofinancie os servizos sociais e o emprego en Lugo como fai nas restantes provincias; ó opoñerse a manter as áreas sanitarias do Hospital da Costa e do de Monforte, así como os seus servizos; ou ó rexeitar que Fomento impulse a Autovía Lugo-Santiago. É hora de que o PP de Lugo pida desculpas ós lucenses”.

Sen argumentos

Gazeley tivo que retirar o recurso de apelación ante a Audiencia Provincial ó quedarse sen argumentos, tendo en conta a sentencia do Xulgado do Mercantil, que mantén:

PRIMEIRO.- O contrato de compra-venda da parcela do polígono de Begonte asinado en 2008 por Gazeley e SUPLUSA recolle unha cláusula na que, especificamente, a empresa renuncia a indemnización no caso de que se incumpra o prazo de execución das obras, un prazo que, en todo caso, se incluía no contrato só con mero carácter referencial e co obxectivo de facilitar as xestións de Gazeley con Carrefour.

SEGUNDO.- Na escritura de compra-venda da parcela asinada por Gazeley e SUPLUSA en 2009 recóllese, literalmente, que “a parte compradora –Gazeley- coñece e acepta o estado no que se atopan as obras de urbanización do polígono, inconclusas, e a entidade vendedora –SUPLUSA-, pola súa banda, comprométese a finalizalas totalmente e á súa costa”, sen establecerse ningún prazo en concreto para facelo. É dicir, co consenso de Gazeley, na escritura non se fixa ningún prazo para rematar as obras do polígono.

TERCEIRO.- A xuíza estima probada a vontade de SUPLUSA de cumprir a súa obriga de terminar as obras de urbanización do polígono e de dotalo de subministro eléctrico por dúas razóns:

Por un lado, está acreditado documentalmente que, dende o ano 2005 -é dicir, aínda antes de que SUPLUSA lle vendera a parcela a Gazeley-, houbo contactos e conversas entre a Sociedade Urbanística Provincial e a compañía eléctrica BEGASA para dotar ó polígono de subministro eléctrico.

E, por outro lado, BEGASA confirmou tal extremo e deu fe no xuízo de que se estivo negociando o convenio de colaboración entre SUPLUSA e BEGASA co fin de encontrar a mellor solución dende o punto de vista técnico e económico; que o tempo de negociación foi normal, e que a solución máis viable finalmente foi unha liña de media tensión.

“Pero non só iso”, explicou Pilar García, ademais de non apreciar desidia, nin deixadez por parte de SUPLUSA, “a xuíza recoñece que a entidade provincial lle deu facilidades a Gazeley, permitíndolle que, antes da venda da parcela, puidese adiantar traballos de construción do seu centro de distribución de mercadorías, co que puido acabalo e entregalo a tempo en arrendamento a Carrefour”.

Gazeley

Gazeley comprou en 2008 unha parcela no parque empresarial de Begonte, onde construíu un centro de distribución de mercancías, que, posteriormente, arrendou a Centros Comerciais Carrefour S.A. Esta firma comercial estivo utilizando a mencionada nave ata o 28 de febreiro de 2012. Catro meses despois, en xuño de 2012, Gazeley interpuxo unha demanda contra SUPLUSA na que lle esixía danos e perxuízos, alegando que o suposto incumprimento das obras do polígono lle provocara perdas económicas.