Deputación de Lugo

A enxeñería e o deseño inspirados na Natureza protagonizan a 1ª das conferencias do Centro de Interpretación do mes de marzo

Imaxe deputación de lugo
A programación divulgativa continúa cunha charla na que a enxeñeira e deseñadora industrial Marta Rois explicará como o home se inspira na natureza para atopar solucións ós problemas tecnolóxicos que se lle presentan en campos coma a arquitectura ou a enxeñería Os interesados en acudir a esta actividade gratuíta o día 7 ás 19: 00 horas só teñen que contactar con Medio Ambiente da Deputación en und.medioambiente@deputacionlugo.org

A programación posta en marcha para o mes de marzo polos responsables provinciais no Centro de Interpretación Terras do Miño comeza cunha interesante conferencia sobre biomímese. Esta ciencia, tamén chamada biomimética, estuda a Natureza coma fonte de inspiración para o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras que dean resposta a problemas humanos que o medio natural xa ten resoltas.

Biomímese. Innovación inspirada na natureza estará a cargo de Marta Rois, enxeñeira cun amplo currículo como deseñadora industrial e profesora na Universidade de Tongji (Shangai) e na de Navarra, onde continúa exercendo na actualidade. Os asistentes poderán descubrir coma o home ten atopado brillantes solucións no medio que o rodea: fibras que imitan as teas das arañas, de grande elasticidade e que multiplican por cinco a resistencia do aceiro; planos de aeronaves construídos imitando diferentes aves; traxes de baño cuxa estrutura se asemella a pel dos tiburóns e que reducen a resistencia ó auga e aumenta a velocidade dos nadadores; extraordinarios adhesivos desenvolvidos grazas a proteínas presentes nos mexillóns ou pantallas para dispositivos móbiles inspirados na iridiscencia das ás das bolboretas.

Vindeira cita o día 21

A vindeira cita será o xoves 21 deste mesmo mes e versará sobre A educación ambiental coma ferramenta para a conservación do medio natural. Os interesados en acudir a calquera das actividades divulgativas do Centro de Interpretación só teñen que poñerse en contacto co departamento de Medio Ambiente no teléfono 982 22-78-12 ou a través do enderezo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org. A inscrición é totalmente gratuíta.