Deputación de Lugo

42 persoas aprenden confección, xoiería e escultura cos cursos do Centro de Artesanía e Deseño

Participan en “Modela as túas xoias”, “Iniciación á xoiería”, “Iniciación ó patchwork”, “Arranxa as túas prendas” e “Escultura cerámica”, que se desenvolven no CENTRAD Este luns comezan en Lugo novas accións formativas de perfeccionamento de técnicas de tear de baixo lizo e cestaría de xuncos nas que participan outros 23 lucensesO organismo provincial oferta 19 obradoiros de xoiería, costura, coiro, cestaría e madeira, nos Concellos de Lugo, Monforte, Xermade, Cervantes e Ribadeo

A Deputación de Lugo xa ten postos en marcha outros 4 dos 19 obradoiros previstos para esta tempada, nos que participan 42 dos 163 lucenses inscritos nesta programación. Nesta convocatoria, foi intención dos responsables que a formación ofrecida tivera un marcado carácter práctico, como é o caso da aprendizaxe de arranxo de prendas usadas, fabricación de xoias, confección de téxtiles con “patchwork” ou mesmo aprender a realizar esculturas.

Estes cursos estanse a celebrar nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, e contan coa totalidade das prazas dispoñibles cubertas. Con “Modela as túas xoias”, que se celebra de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas, os alumnos aprenderán a fabricar pendentes, broches ou calquera xoia que imaxinen empregando arxila polimérica, tamén chamada pasta fimo, obtendo diferentes texturas e volumes. En “Iniciación á xoiería” aprenderán técnicas de corte, soldadura e limado para elaborar os seus propios deseños empregando materiais e pedras nobres. Este curso celebrase os sábados, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e domingos de 10:00 a 14:00 horas.

En “Iniciación ó patchwork”, neste caso de luns a venres de 16:00 a 19:00 horas, os participantes aprenden diferentes xeitos de elaborar pezas textiles con técnicas coma as de bloque inicial, prato de Dresden, punta escondida, etc. En “Escultura cerámica”, que tamén se celebra de luns a venres no mesmo horario, poderán realizar prototipos de pezas, así como dar textura e rematado ás mesmas, ou cal é o xeito correcto de enfornar e cocer as estas esculturas.

Un dos cursos do CENTRAD que máis expectación ten xerado entre os lucenses, é o de “Arranxa as túas prendas”. De luns a xoves, de 10:00 a 12:00 horas nas instalacións do pavillón 5 do CENTRAD, os lucenses con menos práctica aprenderán dende costura “de repaso” –coser botóns, cremalleiras, subir baixos-, a usar outros utensilios de costura ou mesmo a máquina de coser, co que as posibilidades para crear prendas de roupa só estarán limitadas pola imaxinación de cada participante.

Comezan máis cursos

Os pavillóns do Centro de Artesanía e Deseño, ubicados na Travesía da rúa Chantada, e o Centro de Cestaría, no parque do río Rato, serán escenario a partires deste luns de dúas novas accións formativas. Na rúa Chantada dará comezo “Perfeccionando a túa técnica de tecido”, que se celebrará de luns a venres, de 16:00 a 19:00 horas. Dirixido a persoas con coñecementos previos de tecido en tear de baixo lizo, este curso centrarase no aprendizaxe de técnicas avanzadas, coma a de “gusanillo”.

Por outra banda, “Cestaría de xuncos”, tamén de luns a venres, pero neste caso de 16:00 a 21:00 horas, está pensado para que os alumnos aprendan a fabricar variadas pezas con xuncos de lagoa, trenzados de diferentes xeitos.

163 prazas para 19 cursos

Dos 19 cursos programados aínda restan por comezar 10 deles, que se desenvolverán ata finais do mes de xuño nas localidades de Lugo, Xermade, Ribadeo, Monforte e Cervantes. En Lugo, tanto nos pavillóns do CENTRAD coma no Centro de Cestaría do Rato, poranse en marcha ó longo dos meses de abril e maio os cursos de “Xoiería experimental”, “Iniciación ó coiro”, “Construción de caixas de coiro”, “Decora a túa roupa”, “Restauración de mobles”, “Decora o teu xardín con vimbio” e “A arte de cestear. Esculturas en vimbio”

Fóra da capital serán “Aprendendo a tecer en tear tradicional”, que se celebrará no interior dunha das pallozas tradicionais do Concello de Cervantes; “Feltro”, en Monforte de Lemos; “Torneado de madeira” na Aldea Artesán A Fraga, no Concello de Xermade, e “Cestaría de reciclaxe” en Ribadeo.

O prazo de solicitude remata cinco días antes da data do comezo de cada obradoiro, polo que os interesados aínda poden anotarse. A matrícula para estes cursos farase online e para elo só hai que acceder á páxina www.deputacionlugo.org, na que poderán atopar o modelo de solicitude que deberán encher cos seus datos.