Máis de 300 lucenses reciben hoxe formación especializada e gratuíta da Deputación nas profesións con máis futuro
As políticas emprendidas pola Deputación de Lugo para reactivar a economía e crear emprego xiran sempre en torno ós sectores que mellor están a resistila crise e coas mellores posibilidades de futuro na provincia: o medio ambiente e os servizos sociais. A día de hoxe, a institución luguesa está a dar formación especializada e gratuíta a máis de 300 lucenses nestes ámbitos, mellorando deste xeito as súas posibilidades de inserción laboral. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, fixo este balance hoxe na Pontenova, durante o acto no que entregou os diplomas acreditativos de asistencia ós 15 mariñanos que participaron nun curso de Auxiliar de Enfermaría en Institucións Sociais impartido pola institución provincial na localidade pontenovesa.
A Deputación xa impartiu este mesmo curso de enfermaría no Concello da Fonsagrada e na capital lucense, con 15 alumnos en cada un, e, ó mesmo tempo, ten en marcha na actualidade 15 accións formativas do plan de emprego Fórmate en Verde, nas que 302 persoas están a recibir formación e asesoramento técnico especializado que as capacitará para traballar por conta allea ou crear a súa propia empresa no sector da agricultura e a gandería ecolóxica, e na xestión forestal sostible.
O paro necesita solucións urxentes
Lara Méndez, que estivo acompañada no acto da Pontenova polo Alcalde, Darío Campos, recalcou que iniciativas coma estas certifican o esforzo que está a realizar o organismo provincial na loita contra o desemprego, a pesar de que non é a administración que ten as competencias directas neste ámbito. O drama do paro necesita solucións urxentes, non paciencia, como nos están a pedir dende o Goberno central. Os cidadáns non poden esperar máis, asegurou a Vicepresidenta, advertindo neste senso de que, segundo a última Enquisa de Poboación Activa (EPA), na nosa provincia hai 31.600 persoas que non teñen emprego, delas, 5.841 na comarca na Mariña; a taxa de paro é o dobre que a de hai tres anos; o número de fogares lucenses con todos os seus membros no paro é de 9.500; e a metade dos mozos menores de 25 anos non pode acceder a unha ocupación. Quedou claro, e o propio Goberno así o recoñeceu, que as políticas actuais non serven. Fai falta un xiro, un compromiso político firme dos Executivos de Rajoy e Feijóo para impulsar o crecemento, manifestou a Vicepresidenta.
Aposta polos servizos sociais
Os servizos sociais son un dos sectores de futuro polos que aposta a Deputación para crear emprego, pois son un dos poucos que seguen a xerar emprego e nos que se ten constatado un aumento no país, tanto en número de traballadores dun 26%-, como de empresas dun 5,5%-, que prestan servizos neste eido dende o comezo da crise, sinalou Lara Méndez, engadindo que as previsións tamén son positivas: ata o 2015 prevese a xeración de, polo menos, 200.000 empregos brancos.
Deste xeito, ademais de ser un dos eixos centrais do Pacto Provincial polo Emprego que o organismo lugués desenvolveu o pasado ano para facilitar a inserción laboral de 340 desempregados da provincia, a institución vén de impartir tres cursos teórico prácticos de auxiliar de enfermaría en institucións sociais, con 15 alumnos cada un: na Pontenova onde hoxe entrou os diplomas a Vicepresidenta-, A Fonsagrada e Lugo.
No caso do ofrecido no Concellos pontenovés, constou de 468 horas de formación, entre a teoría e as prácticas, que os participantes desenvolveron no Centro Residencial de San Vicente de Paul, Vivenda Comunitaria de Vilaoudriz, Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, residencia de Castro Ribeiras de Lea, residencia de maiores e centro de día de Burela, e residencia Santa María do Valadouro.
A Deputación tamén vén de clausurar a escola obradoiro Servizos á Comunidade, Atención Sociosanitaria a Persoas no Fogar, na que participaron 30 mozos lugueses durante un ano e medio.
As posibilidades do medio ambiente
En canto ó outro eixe da políticas de emprego da Deputación, o medio ambiente, na actualidade ten en marcha o programa Fórmate en Verde, co que potenciamos unha actividade que se está a revelar como unha alternativa sólida para saír da crise en Lugo, sobre todo para a xente nova, sinalou Lara Méndez. Así o indican os datos do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que, no seu balance do pasado ano 2012, confirma á provincia de Lugo como a primeira de Galicia en volume de facturación, con 9,34 millóns de euros, e a segunda despois de Ourense-, en cantidade de hectáreas, con máis de 6.400.
Tamén pon de relevo as grandes expectativas de crecemento do sector o feito de que, dende comezos da crise, en 2007, a facturación subiu un 20% ó ano en Galicia. Disparouse ademais o número de hectáreas dedicadas á agricultura orgánica, medrando un 90% na última década, así como a cantidade de operadores, pasando dos 217 do ano 2003 ós 607 inscritos no CRAEGA ó peche de 2012, o que supón un incremento do 64%.
A maiores dos 15 cursos nos que hoxe se están a formar 302 alumnos, nos vindeiros días arrancarán 11 novas accións formativas do Fórmate en Verde, con outros 200 alumnos. Para facilitar ó máximo a participación, os cursos desenvólvense en tres zonas da provincia, en función da importancia específica que cada sector obxecto do programa ten en cada unha delas: A Mariña é o centro de referencia da xestión forestal sostible; a zona centro, da gandería ecolóxica; e a Zona Sur, da agricultura ecolóxica. Deste xeito, a día de hoxe, hai 85 participantes en cursos da Mariña; 108, nos da zona centro; e 109, nos da Zona Sur.
O perfil maioritario dos alumnos é o dun home que se atopa no paro, de entre 25 e 40 anos de idade, e con terras en propiedade que pode dedicar á produción ecolóxica. A práctica totalidade posúe estudos, na súa maioría básicos, aínda que destaca a presenza de mozos con titulacións universitarias, como enxeñería agrónoma, licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, ou mesmo Arquitectura ou Socioloxía.
O feito de que a gran maioría sexan desempregados e que posúan terras propias significa que este programa, non só servirá para consolidar ou reconverter explotacións xa existentes, senón que confirma a súa verdadeira capacidade de inserción laboral.
Os interesados aínda poden anotarse
As persoas interesadas en beneficiarse desta oportunidade de futuro poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible. Poden anotarse desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.