Deputación de Lugo

A iniciativa solidaria Os Tapóns dan vida e coidan o medio ambiente dá os seus primeiros froitos

Gómez Besteiro participou hoxe na entrega dun talón por valor de 2.600 euros conseguidos coa reciclaxe de 10 toneladas de tapóns das máis de 20 que se levan recollidas ata o momento con esta popular iniciativa consistente na creación dun banco de tapóns na provinciaEsta iniciativa é posible grazas á colaboración da Fundación Puro Cora, a Deputación, o Concello de Lugo, o Colexio de Farmacéuticos de Lugo, a Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo, Aspnais e as empresas Allplas, Prelo, Envialia e ContemarUn comité profesional, formado por unha médico, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, valora a prioridade dos expedientes médicos recibidos para destinar os fondos que se recaden coa recollida e venda dos tapóns de plástico

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, participou hoxe no acto de entrega do primeiro talón conseguido coa iniciativa solidaria Os Tapóns dan vida e coidan o medio ambiente, posta en marcha pola Fundación Puro Cora e que conta, entre outras, coa colaboración da institución provincial. Trátase dun banco de recollida de tapóns de plástico en toda a provincia, para recadar fondos co obxectivo de axudar a nenos e mozos con enfermidades graves e dependentes, ó tempo que favorece o coidado do medio ambiente coa reciclaxe destes materiais. Dende o primeiro momento tivo unha gran acollida entre a sociedade lucense, pois en tan só un días xa se sumaron á acción máis de 2.100 persoas na rede social Facebook e xa se levan recollidos máis de 21.000 quilogramos de tapóns de plástico. A primeira beneficiaria é a Lucía, que naceu sen unha man e cuxa nai, Nuria Cobo, recibiu hoxe un talón por valor de 2.600 euros –correspondentes á unha primeira entrega de 10 toneladas de tapóns-.

No acto, que tivo lugar na sede do diario El Progreso, tamén estiveron presentes a anfitriona, Blanca García Montenegro, presidenta da Fundación Puro Cora; a secretaria do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, Guadalupe Penzol; a presidenta da Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo, María Concepción de Martín; a presidenta da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPNAIS), Conchita Teijeiro; o director de Allplas e presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Ceao, Ángel Lugilde;o director de Transportes Urgentes Envialia-Lugo, José Ramón Portos; o director de Cartones y Plásticos Contemar, Miguel Abel Real; a traballadora social de ASPNAIS e membro do comité de expertos, Blanca Roibás e a responsable da organización e selección de tapóns, Lucía Vázquez.

O nacemento da iniciativa
Esta iniciativa altruísta, coa que se formou unha rede de puntos de recollida por toda a provincia, foi posible grazas ó impulso da Fundación Puro Cora e á colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, a Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo, Aspnais e as empresas Allplas SL, Prelo, Transportes Urgentes Envialia-Lugo, e Cartones y Plásticos Contemar. Neste proxecto destaca o papel xogado pola lucense Lucía Vázquez, nomeada partícipe honorífica, pois foi quen tivo a idea de poñer esta acción en marcha. Lucía Vázquez foi quen creou unha páxina en Facebook sobre o banco de tapóns e quen se ocupa de seguir difundindo a actividade nas redes sociais, ademais de colaborar na organización e a clasificación do material.

O convenio de colaboración que materializou o banco de tapóns asinouse o pasado mes de decembro nas instalacións do diario El Progreso. O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou no acto, xunto á Presidenta da Fundación Puro Cora e representantes do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, a Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo, a Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPNAIS), e das empresas Allplas, Prelo, Envialia e Contemar.

Cales son os destinatarios e como se valoran
Segundo recolle o propio convenio, a iniciativa está destinada a axudar a lucenses de entre 0 e 25 anos de idade, enfermos graves; con necesidade de asistencia mecánica para a súa mobilidade (cadeiras de rodas, prósteses...), ou cirurxías de implantes, ou ben, calquera outra que determine o Consello de Expertos nomeado para valorar os expedientes que se reciban. Este consello, acordado por todas as organizacións implicadas no proxecto, é un comité profesional formado por unha médica, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, que se ocupará de analizar os expedientes médicos que se reciban e valorar a prioridade dos mesmos para destinar os fondos recadados coa recollida e venda dos tapóns de plástico.

A decisión que determine a prioridade da actuación será recollida nunha acta e deberá ser adoptada pola maioría do comité, quen, así mesmo, deberán indicar as razóns da súa decisión, deixándoa reflectida na acta que se entregará á Fundación Puro Cora.

As funcións de cada entidade colaboradora
As responsabilidades de cada unha das partes son as seguintes:
A Fundación Puro Cora difunde esta acción nos medios de comunicación do Grupo El Progreso, coordina as accións particulares de cada unha das partes e publicita a protección do medio ambiente, sendo garante de que o importe íntegro do recaudado con esta acción sexa destinado á persoa ou persoas que determine o Consello de Expertos.
A Deputación de Lugo pon a disposición desta acción vehículos do Parque Móbil para a recollida de tapóns na provincia.
O Concello de Lugo cede contedores para esta iniciativa.
O Colexio Oficial de Médicos da Provincia de Lugo incluirá nos seus despachos de farmacia contenedores para que os veciños da provincia poidan depositar neles os tapóns, e transportaranos á cidade de Lugo.
A Asociación Española de Loita contra o Cancro de Lugo pon a disposición desta acción o persoal da súa asociación para a organización de colaboradores.
ASPNAIS é punto de recollida de tapóns, e os usuarios do centro seleccionanos para a súa posterior venda.
Allplas SL cede a súa nave da rúa Benigno Rivera, 64, en Lugo, para o almacenaxe e posterior selección dos tapóns recollidos.
Prelo ocúpase de imprimir os adhesivos identificativos do proxecto, que se colocarán nos puntos de recollida que se identifiquen por toda a provincia.
Envialia é a empresa encargada da recollida de tapóns na cidade de Lugo dende os puntos dende os que se lle indique, ben sexan bares, cafeterías, comercios, colexios...
Contemar compra os tapóns, xa clasificados e retiraraos da nave de almacenaxe, abonando 260 euros por tonelada.