Deputación de Lugo

A Deputación aforra outros 66.500 euros a 6 Concellos ó asumir melloras en dotacións públicas de zonas rurais

Son traballos executados en parroquias de Baleira, Meira, Chantada, Pantón, Portomarín e Sarria, cos a institución ofrece servizos de calidade ós veciños da zona, “reivindicando o dereito a vivir no campo”Aberto ata o 15 de maio o prazo para as axudas do Plan de Comunidades Veciñais para 2013, que permitirá realizar outras 200 obras no rural lugués a custe cero para veciños e municipios

A Xunta de Goberno Provincial aprobou hoxe as contas xustificativas de 8 obras do Plan de Comunidades Veciñais, dotadas de 66.500 euros que a Deputación aforrou ós 6 Concellos nos que se levaron a cabo melloras en dotacións públicas, asumindo a totalidade dos custes destes traballos. Baleira, co arranxo do cemiterio da parroquia de Lastra; Chantada, coa pavimentación de accesos a viñedos; Meira, coa mellora da traída de auga nas Corvaceiras e co acondicionamento do camiño entre Azureira e Murais; Pantón, co formigonado dun camiño en Pombeiro; Portomarín, coa dotación de mobiliario para o campo de fútbol do Chao da Poza e co arranxo dunha pista en Soengas; e Sarria, coa mellora da ponte de Goimil; son os municipios beneficiados. A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, destacou que “todas as actuacións desta programación realízanse en zonas rurais, co obxectivo de mellorar os servizos ós veciños, reivindicando o dereito a vivir no campo”.

Con estas obras, o organismo provincial está a piques de culminar o Plan do 2012 logo de aboar máis do 90% dos traballos. Por este motivo, a institución luguesa mantén aberto ata o 15 de maio o prazo para solicitar as subvencións da programación para este ano, que permitirá executar outras 200 melloras en dotacións públicas municipais do rural lugués, aforrando máis cartos ós Concellos ó asumir, por 2º ano consecutivo, ó 100% dos custes.

Na mesma liña, a sesión acordou os derradeiros trámites (os Plans de Seguridade e Saúde no Traballo) para iniciar, nas vindeiras semanas, a execución de actuacións de mellora en dotacións públicas das zonas rurais de Pantón e O Corgo.

Cursos para desempregados

A Xunta de Goberno aprobou a posta en marcha dos trámites necesarios para solicitar á Consellería de Traballo e Benestar accións formativas dirixidas a desempregados logo da convocatoria de subvencións feita pública pola Xunta de Galicia. Trátase dunha programación á que xa concorreu a Deputación en anualidades pasadas, permitíndolle celebrar 3 cursos no 2012, nos que participaron 50 lucenses en paro. O ano pasado, o organismo lugués levou estas accións formativas á cidade de Lugo, á Fonsagrada e á Pontenova, distribuíndoas por todo o territorio lugués co obxectivo de facilitar o seu acceso ós veciños. Os cursos foron de auxiliar de enfermería e servizo de atención a domicilio, materias solicitadas ó entender que estes sector son nichos de emprego na provincia.

Con fondos europeos

Acordouse a contratación de novas aplicacións tecnolóxicas que permitan difundir a través das redes sociais a actividade da Deputación. Por exemplo, a convocatoria de xornadas formativas e gratuítas sobre sectores estratéxicos ou os cursos do Pacto Provincial polo Emprego. García Porto destacou que “trátase dunha medida, dotada de 40.000 euros dos fondos europeos do programa tecnolóxico Innova-TE, que poñemos en marcha co obxectivo de que máis xente coñeza e participe nas iniciativas desta institución”.