Deputación de Lugo

Deputación e Economía Digital reunirán en 5 debates a expertos galegos que achegarán propostas para saír da crise

Fernando González Laxe, Emilio Pérez Nieto, Xoán Carmona Badía e Marcelino Fernández Mallo analizarán o día 19 no primeiro destes foros, de acceso libre e gratuíto, as potencialidades sen desenvolver da economía galega e os sectores emerxentesO resto dos encontros, cos que colabora El Progreso, celebrarase entre setembro e decembro, e abordarán o papel dos sectores público e privado ante a crise; as saídas ó paro; as fortalezas e debilidades do sector primario, e o novo mapa bancario e o acceso ó crédito

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, xunto ó xornalista especializado en Economía Julián Rodríguez Moscoso, presentaron este luns o ciclo de debates Galicia en clave económica, unha serie de 5 encontros abertos a todo tipo de público e de participación gratuíta, nos que unha vintena de expertos galegos no ámbito económico, laboral, empresarial, académico e financeiro “farán unha análise rigorosa e profunda da situación socioeconómica na que se encontra actualmente o noso país, e, dando un paso máis, poñerán enriba da mesa alternativas, solucións; ofrecerán un pouco de luz nesta encrucillada na que nos atopamos”, subliñou García Porto.

Os debates terán lugar entre este mes e o de decembro no Salón de Actos da Deputación. O primeiro celebrarase o vindeiro día 19 de xuño, ás 19:30 horas, baixo o título En busca dun modelo, e contará coa participación de Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña e ex Presidente da Xunta; Emilio Pérez Nieto, Presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, que agrupa a firmas que sumaron en 2012 un volume de facturación de 7.600 millóns de euros, o que supón o 16% do PIB galego, e teñen 48.000 empregados; Xoán Carmona Badía, Catedrático de Institucións Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, un perfecto coñecedor do desenvolvemento do mundo empresarial galego; e Marcelino Fernández Mallo, consultor e socio director de Sphenia, unha consultora empresarial galega que tamén traballa para fóra, e que coñece os problemas e solucións que poden ter as empresas no ámbito da expansión internacional.

O obxectivo é analizar as potencialidades sen desenvolver da economía galega, os sectores emerxentes e as apostas decididas para consolidar un modelo produtivo. “Trataremos de responder se Galicia ten un modelo económico: o naval, a agroalimentación, a enerxía, unha mestura de sectores...”, apuntou Rodríguez Moscoso.

O seguinte foro organizarase para setembro e abordará o papel dos sectores público e privado ante a crise; mentres que os tres restantes afondarán nas posibles saídas do paro e os xacementos de emprego; as fortalezas e debilidades do sector primario, e o novo mapa bancario e o acceso ó crédito.

A Deputación de Lugo e Economía Dixital, coa colaboración do Grupo El Progreso, organizan o ciclo de debates Galicia en clave económica, “que consideramos moi interesante porque non se limitan a analizar a situación actual da que partimos, algo sen dúbida moi importante, senón que irán máis alá: ofrecerán alternativas, solucións, algo que vemos moi urxente ante o escenario de confusión que leva consigo a dureza e a persistencia desta crise”, destacou a Deputada de Economía.

Pola súa banda, Julián Rodríguez Moscoso, considerou “fundamental que o sector público e privado se poñan de acordo e poidan sacar adiante este tipo de actuacións, que cremos que son de interese para todo o mundo porque abrimos o debate á sociedade neste momento de especial virulencia da crise e porque levamos 5 anos, e non temos data para o final desta situación”. O periodista lembrou que a “gran acollida e o tipo de preguntas” que o público formulou durante a presentación do último libro do xornalista José Luis Gómez, Cómo salir de esta, que tivo lugar na Deputación o pasado mes de xuño, foi o xerme deste ciclo de debates que arrancarán o vindeiro día 19 de xuño.