Deputación de Lugo

A Deputación aforra cartos e garante novos ingresos a 32 Concellos coa actualización do Catastro

A institución iniciará nas vindeiras semanas a contratación das obras pendentes na estrada do Marco de Álvare ás Rodrigas, paralizadas polos problemas económicos da adxudicatariaMartínez esixe desculpas ó PP, que acusou ó organismo provincial de permitir un desfase en ditos traballos en Riotorto de 190.000 euros cando hai un saldo a favor de 37.000 euros “O Partido Popular ten acceso a toda a documentación oficial, non necesita rebuscar nas papeleiras. Se realmente é un partido serio, comproben a súa nova metedura de pata e pidan perdón ó Goberno Provincial e ós lucenses polas súas falsas acusacións e mentiras” O voceiro socialista pide a Feijóo que “escoite á cidadanía, ó profesorado, ós sindicatos ou ós restantes partidos políticos, anulando o decreto que impuxo para desmantelar o IES Mercedes”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou hoxe que a Deputación realizará os traballos de actualización do Catastro a 32 Concellos, aforrándolles cartos e garantíndolles novos ingresos. A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación destas actuacións por valor de 200.000 euros. Martínez explicou que “trátase dunha cantidade que o organismo provincial adianta ós municipios xa que, posteriormente, lles será detraída das liquidacións tributarias resultantes. Hai que ter en conta que a actualización do Catastro é unha obriga legal e que moitos municipios non teñen medios económicos nin humanos para poder realizala”.

O aforro de cartos ós municipios deriva da contratación conxunta destes traballos en máis dunha trintena de municipios. Se un Concello adxudicase de xeito individual estas actuación o custe sería maior. “Por exemplo, segundo os prezos do mercado, A Fonsagrada debería gastar uns 35.500 euros. Co contrato da Deputación, o custe medio destas actuacións é de 6.000 euros por municipio”, subliñou o voceiro. (200.000 euros/32 Concellos=6.000 euros).

Os Concellos gañan novos recursos económicos con esta actuación, “cuestión moi importante tendo en conta a precariedade das arcas municipais”. Cómpre destacar que o IBI é o tributo principal dos Concellos, representando o 60% dos seus ingresos por imposto. No 2012, os municipios lugueses ingresaron 18,6 millóns de euros polo IBI.

Xunto a estas vantaxes a nivel financeiro, con esta iniciativa da Deputación os Concellos gañan axilidade administrativa e benefician ó cidadán prestándolle un servizo eficaz e dilixente ó evitar ter que facer os trámites de xestión e contratación do servizo, supoñendo unha descarga de traballo para unhas entidades que moitas veces non contan cos medios técnicos e persoais para levar a cabo estes traballos.

Tras ofrecer ós 55 municipios adheridos ó Sistema Provincial de Recadación a actualización do Catastro, os 32 Concellos que, de xeito voluntario, se sumaron a esta iniciativa son os seguintes: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baralla, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Cervantes, Guntín, Meira, Mondoñedo, Monterroso, Navia de Suarna, Pantón, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Pol, A Pobra do Brollón, A Pontenova, Portomarín, Rábade, Riotorto, Samos, O Saviñao, Sober, Trabada, Triacastela, O Vicedo, Xermade, Xove.

Reanúdanse as obras de Riotorto

A Xunta de Goberno acordou a resolución do contrato das obras de mellora na CP 5501, do Marco de Álvare a As Rodrigas, en Riotorto, polo incumprimento nos prazos de execución da adxudicataria, que vén de entrar en concurso de acredores. Martínez adiantou que “isto permítenos iniciar nas vindeiras semanas o proceso de contratación dos traballos que restan por realizar nesta estrada provincial. Para elo, hoxe tamén aprobamos a redacción dun novo proxecto, cun presuposto aproximado de 500.000 euros, que contemple os traballos pendentes de executar. Estas obras, que prometeu facer o Partido Popular malia non ter cartos nin terreos e que se paralizaron por motivos alleos á Deputación –debido ós problemas económicos do contratista-, vainas concluír este Goberno Provincial porque temos, para elo, o orzamento necesario e as 200 fincas expropiadas. Como poden comprobar, uns adícanse a facer falsas promesas e outros a traballar e cumprir cos veciños”.

“Nova metedura de pata do PP”

A Deputación pon en marcha a redación dun novo proxecto logo de rematar coa liquidación das obras levadas a cabo neste vial, obtendo un saldo a favor da Deputación de 37.000 euros, que a adxudicataria terá que devolver ó organismo provincial. Neste senso, o voceiro subliñou “velaquí un nova metedura de pata do Partido Popular, que acusou a esta institución de permitir un desfase nestas obras de 190.000 euros en contra da Deputación, cando hai un saldo a favor de 37.000 euros. Por ignorancia, tendo en conta a inexperiencia da señora Candia, ou por mala fe, tendo en conta que estamos a falar dun partido que goberno durante 24 horas nesta institución e, polo tanto, debería coñecer perfectamente o seu funcionamento, o PP calumniou a este Goberno Provincial, empregando borradores técnicos que atopou nas papeleiras. O Partido Popular pode comprobar o seu erro porque, a diferencia do que facían eles, este Goberno Provincial facilítalle toda a documentación oficial que requira e non necesita rebuscar nas papeleiras. Compróbeno e pidan desculpas. É hora de que o fagan. Xa se equivocaron con Gazeley, cando preferiron apoiar a esta multinacional a pesares de ir en contra dos intereses dos lucenses, e agora coas obras de Riotorto. Erro tras erro, calumnias e máis calumnias. Todos os argumentos do Partido Popular quedan desmontados. Se realmente o PP é un partido serio, vai sendo hora de que pida desculpas ó Goberno Provincial e ós lucenses polas súas falsas acusacións e mentiras”.

Adxudicadas as obras do POS en Friol

A sesión acordou a adxudicación de melloras en servizos públicos de Friol por 176.000 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación. Trátanse de traballos incluídos nas actuacións de responsabilidade provincial do POS 2012, “o Plan que tentou eliminar o Goberno Central suprimindo, por primeira vez na historia da democracia, a achega estatal, pero que mantivo esta institución na provincia, tendo en conta o rexeitamento de todos os Alcaldes á decisión de Rajoy, e a necesidade de reforzar as prestacións nos municipios para combater o paro e o despoboamento demográfico. Cómpre destacar que ante as dificultades económicas, as obras do Plan de Obras e Servizos son as únicas actuacións que se realizan ó ano en algún Concello. Por este motivo, e dentro da aposta pola máxima cooperación cos municipios, este Goberno Provincial mantivo o POS en Lugo, incrementando a achega provincial ata os 2,2 millóns de euros”, remarcou Martínez.

O voceiro adiantou que, rematado o proceso de adxudicación e unha vez que transcorran os prazos legais para que o contratista entregue a documentación necesaria -prazo que non poderá superar 1 mes- a Deputación iniciará nas vindeiras semanas as seguintes actuacións no Concello friolés: mellora do firme con aglomerado en quente da CP-2111, ó seu paso pola rúa Deputación, e da CP-2106, ó seu paso pola rúa Santa Isabel; acondicionamento de 5 quilómetro da vía de Lamas a Narla, moi transitada por vehículos pesados, principalmente, por maquinaria agrícola; colocación de bandas rugosas e pasos de peóns fronte ás vivendas sociais, onde tamén se arranxará o sistema de drenaxe debido ás continuas inundacións na zona. “Con estas últimas actuacións, a Deputación atende as demandas veciñais, asumindo uns traballos que debería realizar a Xunta de Galicia como administración responsable destes inmobles”, subliñou. O prazo máximo de execución destes traballos é de 3 meses.

IES As Mercedes

O voceiro socialista destacou que “onte unhas 500 persoas, dende pais e estudantes, ata asociacións veciñais, sindicatos e agrupacións políticas, reclamaron, por enésima vez, á Xunta de Galicia que non desmantele o IES Mercedes. É hora de que o Goberno de Feijóo escoite á cidadanía e deixer de impoñer. Xa non é que llo diga a oposición política, estanllo a gritar os lucenses. Converter o IES Mercedes nun Centro Integrado de Formación Profesional, eliminando ESO e BAC, é un gran erro señor Feijóo, que perxudica, gravemente, á educación pública nesta provincia, a centos de familias lucenses e ó profesorado. A Xunta non pode seguir obviando a opinión da cidadanía ou a dos propios profesionais, que manteñen que esta imposición mermará a calidade educativa e que, por este motivo, xa interpuxeron un recurso contencioso contra o decreto sobre o IES Mercedes imposto por Feijóo, algo que nunca acontecera, polo menos no ámbito educativo, na historia da democracia”.