Deputación de Lugo

Xunta, Deputación e Fegamp asinan o convenio para poñer en marcha sete grupos de emerxencias supramunicipais en Lugo

Agora iniciarase o proceso de selección e formación do persoal, para que os GES estean plenamente operativos este mesmo veránO novo mapa de emerxencias crea unha auténtica malla de emerxencias que cubre todo o territorio e fai unha distribución máis racional de recursosOs novos GES súmanse aos seis parques comarcais de bombeiros, ao parque municipal de Lugo e aos servizos de Protección Civil da provincia

Xunta, Deputación de Lugo e Fegamp asinaron hoxe o convenio de colaboración para o despregamento dos Grupos de emerxencia supramunicipais (GES) na provincia de Lugo, uns efectivos cos que se completa a redefinición do mapa de emerxencias galego, cubrindo a totalidade do territorio da provincia nunha distribución máis racional de recursos. O orzamento adicado para a posta en marcha dos GES en Lugo é de 4.725.000 euros, distribuídos en varias anualidades (2013, 2014 e 2015). Desta cantidade, a Xunta achega o 60%, a Deputación de Lugo o 20% -sendo a 1º vez que financia esta prestación- e os Concellos outro 20%.

Asinaron o convenio o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares. A continuación, iniciarase o proceso de selección de persoal por parte dos concellos sede, e a formación que dará a Agasp nos distintos parques de bombeiros comarcais da provincia de Lugo. O obxectivo é que os GES estean plenamente operativos este mesmo verán.

Os novos grupos de emerxencias estarán compostos na súa maioría por 12 efectivos, estarán situados estratexicamente en 8 localidades da provincia e contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter permanente. Ao ter carácter supramunicipal, estes grupos complementarán as redes de bombeiros, tanto municipais como comarcais, nunha malla de xestión das emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil.

O novo mapa de emerxencias quedará formado, deste xeito, por 7 grupos supramunicipais (A Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, A Pontenova, Quiroga/Folgoso, Monterroso e Cervo), seis parques comarcais de bombeiros –Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria, Chantada e Monforte de Lemos- e polo parque municipal da cidade de Lugo.

Cobertura supramunicipal

As sedes dos grupos de emerxencia darán servizo a varios municipios. Deste xeito, A Fonsagrada dará cobertura ás comarcas de A Fonsagrada e Meira; Guitiriz á Terra Chá;Becerreá á zona dos Ancares; Lugo e Sarria; A Pontenova á Mariña Central e Oriental; Quiroga e Folgoso á zona de Quiroga e Terra de Lemos; Monterroso ás zonas da Ulloa, Lugo e Chantada; e Cervo á Mariña Central e Occidental.

Finalmente, a rede de seguridade galega complementarase coas agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e co resto de corpos que colaboran nas emerxencias, como Garda Civil, Policía Nacional, Policía Autonómica, servizos sanitarios e demais efectivos, todos eles coordinados dende o 112.