Deputación de Lugo

A Deputación consegue un plan estatal de 3 millóns para impulsar a actividade de 300 PEMES e crear máis dun cento de empregos

O Presidente provincial e o da fundación Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, asinaron un convenio para desenvolver o proxecto Dinamización do Tecido Produtivo de Lugo, financiado nun 80% por fondos europeosO programa formará a máis dun centenar de desempregados para que asesoren ás PEMES e autónomos na mellora da súa competitividade e beneficios, e, ó rematar as actuacións, eles mesmos poidan crear a súa propia empresaGómez Besteiro subliñou que este ambicioso plan, que se desenvolverá entre este ano e o 2014, é “un novo froito da solvencia da nosa xestión, e do continuo esforzo por captar investimentos para xerar emprego e potenciar o desenvolvemento económico da provincia”

A Deputación de Lugo vén de conseguir un plan estatal, da prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, que está dotado con 3 millóns de euros e ten como obxectivos impulsar a actividade de polo menos 300 PEMES e autónomos lucenses fomentando a innovación e o uso das novas tecnoloxías, e crear máis dun cento de empregos para persoas no paro, especialmente mozos.

O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, o subsecretario de Industria, Enerxía e Turismo, e presidente do padroado da Fundación EOI, Enrique Fernández Bento, e o director xeral da EOI, Fernando Bayón Mariné, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración a través do que se desenvolverá o proxecto, denominado Dinamización do Tecido Produtivo de Lugo e o Fomento do Emprego, e en función do cal o Goberno central achega o 80% do orzamento total (2,4 millóns de euros, procedentes á súa vez de fondos FEDER da Unión Europea) e a Deputación o 20% restante (600.000 euros, con fondos propios).

Durante o acto, o Presidente da Deputación destacou que este programa pon de manifesto que a creación de emprego “é a prioridade número 1 na nosa axenda política, a nosa obsesión. E iso nótase no noso Orzamento: aumentamos un 63% os fondos destinados ó emprego neste 2013; e, entre outras actuacións, estamos formando a 900 lucenses para traballar na produción ecolóxica a través do plan Fórmate en Verde”.

O mandatario provincial subliñou tamén a importancia que ten para a Deputación asinar agora o convenio de colaboración coa EOI: “Para nós era fundamental captar canto antes estes fondos FEDER a través da Escola de Organización Industrial, porque nesta época de crise económica están moi demandados e esgótanse rapidamente”. Por iso, continuou, “decidimos adiantar a firma do convenio, o que nos permite garantir este importante investimento na provincia, e tamén ir facendo xa os traballos previos para en setembro arrancar o proxecto, que desenvolveremos entre este ano e o 2014”.

A primeira fase consistirá no diagnóstico de sectores estratéxicos sobre os que se actuará (entre 3 e 6); logo captaranse as PEMES e autónomos beneficiarios, para seguidamente seleccionar a máis dun centenar de mozos que, primeiro, recibirán formación especializada, e despois, traballarán prestándolles ás firmas asesoramento na implantación de medidas que melloren a súa competitividade e beneficios.

Pola súa banda, o director xeral da EOI, Fernando Bayón, subliñou a importancia desta iniciativa para as pequenas e medianas empresas, “pues muchas veces no tienen capacidad por si mismas para implantar planes de innovación”.

O resultado de moitos meses de traballo

O Presidente subliñou, por outra banda, que conseguir este plan estatal da Escola de Organización Industrial “é o froito de moitos meses de traballo realizado por moita xente, pero tamén un novo resultado do rigor da nosa xestión, e do continuo esforzo por captar investimentos que nos axuden a xerar emprego e impulsar o desenvolvemento económico da provincia de Lugo”. Lembrou deste xeito que a Deputación ten en marcha proxectos europeos por valor de 25 millóns de euros, vinculados ás novas tecnoloxías, á economía verde e ó emprego. “Fomos a 5ª entidade local de toda España que conseguiu máis fondos comunitarios na última convocatoria”, explicou Besteiro.

Os dous piares do proxecto

O plan de Dinamización do Tecido Produtivo de Lugo e o Fomento do Emprego que a Deputación e a EOI levarán conxuntamente a cabo ten dous piares:

- Mellorar a competitividade e beneficios de 300 PEMES e autónomos a través dun plan de acción personalizado que estará dirixido a fomentar a innovación e o uso das novas tecnoloxías, como o comercio electrónico, o márketing dixital ou as redes sociais.

A utilización destes recursos por parte das PEMES supoñeralles, entre outros beneficios: chegar a novos clientes, tanto a nivel rexional, como nacional ou internacional; fidelizar clientes mediante promocións e ofertas personalizadas; dar a coñecer os seus produtos e crear unha marca de calidade; reducir custes; e facilitar que os compradores gocen da máxima dispoñibilidade para comprar os seus produtos e servizos (as 24 horas do día, os 365 días do ano).

O proxecto céntrase nas pequenas e medianas empresas, e autónomos, porque son “a verdadeira columna vertebral da nosa economía”, recalcou Gómez Besteiro. De feito, das ó redor de 25.000 empresas que existen na nosa provincia, o 96% teñen menos de 10 traballadores asalariados, e o 86%, contan entre un e dous empregados.

- Crear emprego para mozos no paro. Este proxecto levará consigo a creación dunha rede de máis dun centenar de asesores tecnolóxicos. Buscaranse perfís de mozos sen emprego, ós que se lles dará formación especializada para que, por un lado, asesoren a esas 300 PEMES beneficiarias na implantación de medidas que impulsen o seu negocio; e por outro, cos coñecementos e experiencia adquirida grazas a esta iniciativa, eles mesmos poidan crear nun futuro a súa propia empresa.

Xerará un importante retorno económico a curto prazo

A Deputación informará puntualmente do proceso de selección destes asesores e das súas condicións laborais, e en xeral de todas as fases deste plan, que é moi extenso e ambicioso. Neste senso, tanto Gómez Besteiro, como Beyón Mariné, recalcaron que os seus beneficios non se acaban coa propia execución do programa, senón que terá “un retorno económico moi importante a curto prazo, que cuantificaremos”, en tanto que capacitará a mozos desempregados nas profesións con máis futuro –todas aquelas relacionadas coa economía do coñecemento- e fará máis competitivas e produtivas ás empresas lucenses.

A EOI, decana en España

A Escola de Organización Industrial é unha das entidades públicas con máis prestixio de toda España. Trátase da escola decana no país, e unha das primeiras de Europa creada no seu campo, que, tal e como destacou o seu director xeral, “hoy tiene una función esencial como receptora, administradora y ejecutora de fondos europeos”.

Trátase dunha fundación, dependente do Ministerio de Industria, dedicada a formar profesionais, producir e difundir coñecemento, e ofrecer servizos a administracións, empresas e emprendedores co fin de potenciar unha economía social, verde e dixital. O proxecto que a EOI desenvolverá coa Deputación de Lugo está enmarcado no seu programa RISC (Redes de Innovación ao Servizo da Competitividade), financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e a través do que impulsa actividades para favorecer a implantación e desenvolvemento de iniciativas I+D+i, e a transferencia tecnolóxica nas empresas, especialmente nas PEMES, co fin de mellorar a súa competitividade.