Deputación de Lugo

O Consorcio Provincial de Bombeiros acada un novo financiamento de 700.000 euros ó ano

O Pleno aproba un convenio con UNESPA mediante o cal este colectivo achegará 700.000 euros cada ano para o funcionamento dos 6 parques comarcais de bombeiros en LugoO Presidente e Vicepresidente do Consorcio subliñan que este acordo beneficiará a todos os cidadáns xa que servirá para incrementar a protección e baixar as primas dos segurosA sesión acorda a liquidación do Presuposto e Conta Xeral do organismo integrado por Xunta de Galicia e Deputación de Lugo para o 2012, cumprindo coa estabilidade orzamentaria

O Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros aprobou hoxe un convenio con UNESPA (Gestora de Conciertos para la contribución a los servicios de Extinción de Incendios) mediante o cal este colectivo achegará ó organismo 700.000 ó ano para o funcionamento dos 6 parques comarcais que Xunta e Deputación puxeron en marcha en Lugo.

O Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros e Director Xeral de Emerxencias da Consellería de Presidencia, Santiago Villanueva Álvarez, destacou que “un dos beneficios para os veciños e as industrias da provincia luguesa que supuxo a posta en marcha do servizo contraincendios foi a diminución das primas de seguros. A Patronal de Seguros en España, que é UNESPA, compensará ó Consorcio por esta prestación con 700.000 euros cada ano”.

O Vicepresidente do Consorcio Provincial de Bombeiros e Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que “este acordo con UNESPA beneficiará a todos os cidadáns da provincia xa que destinaremos este novo orzamento á mellora do servizo público contraincendios, incrementando a protección e baixando as primas dos seguros”.

O Pleno tamén acordou a liquidación do Presuposto e Conta Xeral do Consorcio Provincial de Bombeiro no ano 2012, cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria.

Participantes

Ademais de Villanueva Álvarez e Gómez Besteiro, tamén participou na sesión José Antonio Fernández López, Subdirector Xeral de Seguridade e Coordinación da Consellería de Presidencia; Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo; Lara Méndez López, Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo; José Alfonso Fuente Parga, Alcalde de Barreiros; Xosé Manuel Ledo Fernández, Concelleiro de Chantada; Gerardo Criado Guizán, Alcalde de Vilalba; Carlos Gueimunde Cabaleiro, Concelleiro de Vilalba; Severino Rodríguez Díaz, Alcalde de Monforte de Lemos; e José Antonio Mourelle Cillero, Secretario da Deputación de Lugo.