Deputación de Lugo

O Presidente recibe a 28 rapaces de Nantes que participan nun intercambio lingüístico e cultural en Lugo

Os alumnos franceses parten hoxe á súa cidade de orixe tras 7 días de convivencia con estudantes e familias da capital lucense, nos que tamén viaxaron a Santiago e A Coruña

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este martes no Salón de Plenos de San Marcos a un grupo de 28 rapaces do centro escolar Aristide Briand da cidade francesa de Nantes que participan nun programa de intercambio lingüístico e cultural en Lugo co colexio dos Franciscanos. O centro de ensinanza lucense mantén intercambios con colexios do país veciño dende hai 3 anos.

Os alumnos franceses, que recibiron como obsequio o libro sobre o Camiño do Mar editado pola Deputación, regresan hoxe a Nantes, despois de 7 días de estancia en Lugo, onde conviviron con familias, co resto dos alumnos do colexio, compartiron con eles clases, e asistiron a algunha competición de atletismo do centro, ademais de viaxar á Coruña e a Santiago.

A visita a Lugo é a segunda parte dun intercambio que arrancou coa estancia de 25 rapaces dos Franciscanos en Nantes entre os días 16 e 21 do pasado mes de marzo. A comunidade educativa cualifica de “excelente” a experiencia, tanto por parte dos alumnos, como das familias, pois os rapaces participantes na iniciativa, non só perfeccionan o idioma, senón que coñecen outro lugar e outras costumes. “É toda unha experiencia vital e cultural”, subliñan dende o centro lucense.