Deputación de Lugo

A Deputación asume por 4º ano os custes das auditorías para que A Mariña luza o distintivo ambiental de maior rigor mundial

Imaxe deputación de lugo
Aforrará ós Concellos de Foz, Viveiro e Ribadeo 21.000 euros para renovar a certificación ISO 14001 de 14 praias: Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, A Pampillosa, Arealonga, Covas, Area, Sacido, As Catedrais e Os CastrosLara Méndez subliña o “esforzo inversor” que fai o organismo provincial para que a comarca mariñana siga competindo en calidade medioambiental coa Costa Dourada e o Levante, situándose na mesma categoría que areais como Cullera, Gandía ou Salou

A Deputación de Lugo asumirá por cuarto ano consecutivo o 100% dos custes de consultoría e auditoría para que a A Mariña conte de novo coa certificación ISO 14001, a de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental, concedida segundo parámetros da Unión Europea e que garante un plus de calidade ás praias que o reciben. Deste xeito, o organismo provincial aforrará 21.000 euros a Foz, Viveiro e Ribadeo, despois de que os tres Concellos expresasen o seu desexo de continuar no programa para renovar o distintivo de 14 das súas praias: as focenses de Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, A Pampillosa e Arealonga; as viveirenses de Covas, Area e Sacido; e as ribadenses de As Catedrais e Os Castros.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, subliñou “o novo esforzo inversor” que realiza a Deputación ó facerse cargo destes traballos, que enmarcou na “nosa estratexia de máxima cooperación cos Concellos”, para que A Mariña “siga competindo en calidade medioambiental con zonas como a Costa Dourada ou o Levante”, situándose na mesma categoría que populares areais como as de Cullera, Gandía, Oropesa del Mar ou Salou.

A provincia de Lugo é a primeira de Galicia e a cuarta de España -despois de Tarragona, Valencia e Castellón- con máis areais recoñecidos coa certificación ISO 14001. Dos 19 areais galegos certificados, 14 son mariñanos, e as outras 5 da Coruña (Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro e Oza).

Méndez incidiu tamén en que, a pesar de que os Concellos se comprometeran a facerse cargo das tarefas necesarias para renovar o distintivo de calidade, que deben realizarse cada tempada, o organismo provincial decidiu volver a financialas de novo este ano “tendo en conta a difícil situación económica pola que atravesan as administracións locais”.

A oportunidade do turismo vinculado ó medio ambiente

Consciente da gran oportunidade económica que supón o turismo vinculado ó medio ambiente, a Deputación, explicou a Vicepresidenta Segunda, decidiu no 2010 favorecer a implantación do selo de calidade ISO 14001 en tódalas praias da Mariña co fin de poñelas en valor e convertelas nun referente de calidade en España, contribuíndo deste xeito a potenciar un sector turístico sostible.

De feito, o turismo é un dos soportes fundamentais da economía mariñana. Como dato revelador da súa importancia, un estudo da Universidade de Santiago indica que o 68% da actividade económica do Concello de Ribadeo e o 60% da de Viveiro está fundamentada neste sector. Outro dato significativo é que, das máis de 5.000 empresas radicadas na comarca, o 70% dedícanse ó sector servizos.

Os traballos comezarán en xuño

Os traballos de consultoría e auditoría para renovar o certificado ISO 14001 comezarán ó longo do mes de xuño, e un ano máis, desenvolveranse en estreita colaboración cos técnicos municipais. Ademais de comprobacións documentais, haberá visitas in situ para comprobar a situación das praias e facelas recomendacións de mellora pertinentes.

Un aforro de 98.000 euros ós Concellos

Asumindo integramente os custes dos traballos para implantar e manter a certificación ISO 14001 dende o 2010, a Deputación leva aforrados 98.000 euros ós Concellos (35.000 euros en 2010 a Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela e O Vicedo, para implantar o selo de calidade; 21.000 nos anos 2011, 2012 e este 2013 a Viveiro, Ribadeo e Foz, os tres Concello que decidiron continuar co proxecto).

Cales son os beneficios?

A certificación ISO 14001 e EMAS leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. Por un lado, ambiental, un dos máis visibles, pois o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. Deste xeito, as entidades locais que este ano renoven o certificado aplicarán actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias, así como melloras doutros servizos ós usuarios. Por outra banda, un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este distintivo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles ós municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.

Máis rigorosas que a Bandeira Azul

“A pesar de que a Bandeira Azul quizais sexa máis coñecida polos usuarios”, os requisitos da ISO 14001, dedicada en exclusiva a cuestións ambientais, son moito máis rigorosos, argumentou Lara Méndez, pois baséanse nunha norma obxectiva que emana da Unión Europea. Mentres que a Bandeira Azul é unha fotografía fixa da praia que se dá nun determinado momento, a ISO 14001 garante unha excelente calidade medioambiental e de servizos, ademais dunha mellora continua nos areais. Tamén supón un valor engadido con respecto á Q de Calidade Turística, pois non só atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, senón tamén ás disposicións medioambientais dos expertos da UE. De aí que se garanta unha correcta xestión medioambiental, minimizando o impacto nas praias e, o que é máis importante, nos veciños.

Deste xeito, a Vicepresidenta Segunda e delegada da macro área de Emprego, Economía Sostible e Demografía, lamentou que non todos os Concellos mariñanos se adheriran en 2010 ó proxecto que o organismo provincial puxo en marcha para obtela certificación e que en 2011 se deran de baixa O Vicedo e Burela. “Poderían ter a custe cero un distintivo que garante un plus de calidade”, asegurou.

Aposta polo medio ambiente

Méndez destacou que a implantación deste certificado de calidade súmase ás numerosas iniciativas que emprende a Deputación para potenciar a actividade turística e o sector servizos en xeral na comarca mariñana aproveitando a potencialidade do medio ambiente, tales como: Km0, no que Mariña é o destino preferido; o Surf Camp, que serve de tirón para aumentala ocupación hoteleira na Mariña fóra de tempada, chegando na última edición a rozar o 80% na zona oriental da comarca; e o apoio á Peregrinación Marítima pola Costa de Lugo ou ó Camiño do Mar, cuxo recoñecemento oficial por parte da Xunta é un dos compromisos do programa do Goberno provincial.