Deputación de Lugo

A Deputación achega 900.000 euros para a posta en marcha na provincia dos Grupos de Emerxencia Municipal

A institución financia por 1º vez esta prestación para crear emprego e cooperación cos Concellos logo de que a Xunta, administración galega coas competencias, deixase de asumir o 100% deste servizo e obrigase ós municipios a destinar recursos económicos Gómez Besteiro, Rueda Valenzuela e Villares Bermúdez asinarán este martes no Pazo de San Marcos o convenio para o funcionamento de 7 GES na Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, Monterroso, A Pontenova, Cervo e Quiroga/Folgoso

A Xunta de Goberno deste luns aprobou unha achega de 900.000 euros para a posta en marcha dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) na provincia. Esta cantidade distribúese en varias anualidades: 204.000 euros no 2013, 350.000 euros no 2014 e outros 350.000 euros no 2015. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, destacou que “malia que a Xunta é a administración galega coas competencias en materia de emerxencia na Comunidade, a Deputación decidiu participar por 1º vez no financiamento deste servizo, achegando o 20% do orzamento necesario, co obxectivo de crear emprego e cooperar cos Concellos”. E é que o Executivo autonómico pasou de financiar esta prestación ó 100% con fondos da Unión Europea a facelo agora nun 60%. Martínez subliñou que “e aínda que segue a contar con fondos comunitarios, e a pesares da colaboración do organismo provincial, a Xunta parasita ós municipios obrigándoos a outorgar o 20% restante”.

A sesión acordou este investimento hoxe tendo en conta que mañá o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Conselleiro de Presidencia, Alfonso Villares Valenzuela, e o Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfonso Villares Bermúdez, asinarán no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración entre ditas administración para o funcionamento de 7 GES en Lugo.

Haberá 12 traballadores en cada Grupo de Emerxencia Supramunicipal, superando os 80 profesionais, que complementarán a actividade dos máis de 100 traballadores dos 6 parques de bombeiros de Viveiro, Barreiros, Chantada, Sarria, Vilalba e Monforte, postos en marcha polo Consorcio Provincial de Bombeiros. “Trátase do organismo que este Goberno Provincial e o anterior Executivo autonómico creamos no 2008 para poñer fin a discriminación que sufría Lugo, a única provincia galega que non contaba con cobertura contraincendios, e que seguir a financiar dende entón Deputación e Xunta nun 50%”, remarcou Martínez.

O voceiro destacou que “con este novo investimento, a intención desta Deputación, malia non ter as competencias en materia de emerxencia en Galicia, é acadar o 100% da cobertura das emerxencias en Lugo”. Os 7 GES situaránse na Fonsagrada, Guitiriz, Becerreá, Monterroso, A Pontenova, Cervo e Quiroga/Folgoso. O grupo con sede na Fonsagrada dará cobertura ás comarcas da Fonsagrada e Meira; o de Guitiriz a Terra Cha e Lugo; o de Becerreá cubrirá Os Ancares, parte da comarca de Lugo e Sarria; dende a sede de Monterroso cubrirase a zona máis occidental da comarca de Lugo, así como as comarcas da Ulloa e Chantada; dende A Pontenova, cubrirase a Mariña Occidental, parte da Mariña Central e Meira; dende Cervo actuarase tamén na Mariña Central e na Occidental; e por último, Quiroga e Folgoso acollerán conxuntamente ó equipo encargado das comarcas de Quiroga e Terras de Lemos.

Máis cooperación cos Concellos

A sesión acordou ampliar o prazo para o remate da primeira fase das obras de dotación do novo sistema de traída de auga na parroquia de Vilar de Mouros (Meira) logo de que o colectivo que executa estas actuacións solicitase unha prórroga ó organismo provincial tendo en conta que as condicións climatolóxicas atrasaron a data prevista. A Deputación amplía o prazo de finalización ata o 31 de maio e do xustificación ata finais de xuño. Martínez remarcou que “trátanse dunhas actuacións que porán fin ós continuos cortes no subministro de auga que dende hai anos sofren os máis de 150 veciños de Vilar de Mouros, unha parroquia con ducias de explotacións gandeiras, que acadan máis de 800 cabezas”. Ante a necesidade destes traballos e a falta de recursos municipais, a Deputación asume o custes destas obras e aforra cartos ó Concello, investindo 180.000 euros en tres anualidades: 80.000 euros este ano, 50.000 euros no 2014 e outros 50.000 euros no 2015.

Na mesma liña de cooperación cos municipios, a Xunta de Goberno aprobou conceder un anticipo de 31.000 euros ó Concello da Fonsagrada para que certifique o remate das obras do novo Consistorio e poña en marcha estas instalacións, aforrando cartos. Por exemplo, diminuirá nun 40% os gasto enerxético cunha caldeira de biomasa, financiada con fondos europeos da Deputación.

Plan de Emprego

A Xunta de Goberno aprobou, tal e como estaba previsto, un convenio entre Deputación e a Escola de Organización Industrial para o fomento do tecido produtivo e o emprego na provincia. Esta mesma semana, Deputación e EOI asinarán este texto.