Deputación de Lugo

Besteiro reitera que quere canto antes unha entrevista con Feijóo para 'falar do futuro da provincia de Lugo'

Imaxe deputación de lugo
“A Xunta non pode mirar hacia outro lado” no cofinanciamento dos servizos sociais e as políticas de emprego, subliñou o Presidente, pero tampouco noutros “problemas serios como a emigración, a demografía, o medio rural ou as residencias da terceira idade” Besteiro demanda da Xunta “unha relación de igual a igual entre administracións, non submisión”, e confía en que, “a pesar de ser doutro partido ”, Núñez Feijóo responda por fin á súa solicitude de reunión porque “sería moi triste que só se acordara dos seus”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reiterou este xoves que quere unha entrevista “canto antes” co titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, para “falar do futuro da provincia de Lugo”. Besteiro lembrou esta mañá que o pasado luns solicitou formalmente de novo unha xuntanza inmediata co Presidente autonómico co fin de consensuar o cofinanciamento dos servizos sociais en todos os Concellos lucenses e a posta en marcha das políticas activas de emprego, pero tamén outras “cuestións máis importante se cabe aínda, relacionadas co futuro da provincia”.

Gómez Besteiro subliñou neste senso que hai “temas nos que a Xunta non pode mirar hacia outro lado, problemas serios da provincia, como a emigración, a caída demográfica ou o medio rural, é dicir, se somos ou non capaces de ter un proxecto para potenciar o sector primario e para pechar ciclos de produción”.

Como outras iniciativas fundamentais a abordar con Feijóo, o mandatario provincial apuntou tamén a rede provincial de residencias da terceira idade e centros de día. “A Deputación segue para adiante con este proxecto, pero sen o apoio da Xunta, e iso débeno saber os lucenses”, argumentou Besteiro, engadindo que a Administración galega “non está disposta a concertar prazas nos nosos centros, algo inaudito, único en España, que ante un proxecto público de residencias da terceira idade, a Xunta persista na actitude de non querer concertar prazas. Non lle pedimos, nin axuda para construílas, nin para a súa xestión, senón que apoie un proxecto público, pero visto o visto, o Goberno autonómico séntese máis atraído polos proxectos privados, que por fortalecer o sector público e respaldar unha iniciativa de Deputación e Concellos”.

O Presidente indicou que “outros problemas serios” da provincia son tamén a reindustrialización e facer unha política realista de transferencia da rede viaria pública”.

O titular do organismo lugués confía en que Núñez Feijóo, “a pesar de ser doutro partido político”, responda por fin á súa petición de entrevista: “Sería moi triste que se acordara soamente dos seus. Eu, nestas cuestións non distingo, e creo que o Presidente da Xunta tampouco o debería facer”.

“A Xunta está buscando submisión en todo o que plantexa”

Con respecto ós convenios sobre servizos sociais e políticas activas de emprego, Besteiro reclamou unha relación “de igual a igual entre administracións, e non submisión, que creo que é o que a Xunta está buscando para todo o que plantexa”. “A figura do convenio supón un acordo de vontades, polo tanto, chegar a unha aproximación, non a submisión”, engadiu, lembrando que “noutros moitos campos, como a xestión de emerxencias ou a transferencia dos hospitais si chegamos a acordos”.

Neste senso, lembrou que na aplicación do protocolo que Xunta e Deputación asinaron hai máis dun ano para “regular as nosas relacións en materia de emprego, servizos sociais e emerxencias” -ó que se incorporaron unha serie de consideracións realizadas pola institución luguesa-, “hai unhas partes que se cumpriron e outras que non. O que pedimos única e exclusivamente é que se cumpra o espírito e a letra dese protocolo, e que cando unha administración cuestiona o contido dun convenio se lle conteste”.

Recordou así mesmo que a Deputación ten presentado un contencioso administrativo á Xunta porque “non estamos de acordo coa aplicación que fai da Lei en materia de servizos sociais, esa decisión de que, dun día para outro, as competencias sexa das Deputacións, iso si, sen transferencia de cartos. Isto para nós sería moi fácil facelo cos Concellos: liberarnos de competencias e non transferir cartos”. A presentación do contencioso, sinalou, “pode gustar ou non, pero é lexítimo no Estado en que vivimos que cando hai unha discusión sobre calquera tipo de decisión se poida levar á vía xudicial”.