Deputación de Lugo

Medio millar de persoas visitaron o Barco Muralla da Deputación na súa última visita a Burela

Burela foi a segunda visita do Barco no verán, que seguirá de ruta por outras localidades da provincia Con esta iniciativa, a Deputación pretende concienciar ó público de todas as idades da defensa e coidado do medio ambienteO Barco fará a súa próxima parada a vindeira fin de semana en Viveiro

O Barco Muralla, a aula turística-medioambiental da Deputación de Lugo, contou cunha elevada afluencia de público esta pasada fin de semana na súa visita á vila costeira de Burela. A embarcación amarrou na localidade o venres pola tarde e permaneceu alí ata o domingo, coincidindo coa Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos de Burela. Preto de 500 persoas achegáronse ata o Porto de Burela para desfrutar das actividades lúdicas e informativas que se propoñían. Entre os asistentes que acudiron atopábase público de Asturias, Madrid, Pais Vasco, Cantabria, Cataluña dentro do marco nacional e Francia, Colombia e Romanía dentro do marco internacional.

O Barco levou a cabo diversas actividades para público de todas as idades, tanto no interior como no exterior da nave, contando cunha meteoroloxía favorable para elo. Fóra situáronse os talleres de traballos manuais para nenas e nenos, así como un apartado de reciclaxe onde os máis pequenos puideron comezar a concienciarse na defensa do medio ambiente. No interior da embarcación os asistentes puideron informarse sobre a diversidade ambiental da provincia ó contar cunha sala con ordenadores portátiles. Contigua á sala de informática, tamén se atopa unha sala na que se expuxeron vídeos con material informativo editados por membros da Fundación Tic, organismo dependente da Deputación. Ademais, dous monitores guiaron en todo momento a todos os asistentes, que tamén dispoñen de dípticos de información sobre as Reservas da Biosfera, e iniciativas empresariais ou formativas relacionadas co medio ambiente.

Ruta de verán
Esta foi a segunda cita do Barco no verán, logo da súa visita a Guitiriz a pasada semana, onde, pese ás malas condicións climatolóxicas contou cun alto número de asistentes. A actividade continuará a súa ruta de verán polos concellos de Viveiro, Monforte de Lemos e Vilalba, onde espera obter á afluencia de público das recentes citas. A vindeira fin de semana o barco atoparase na localidade de Viveiro, onde se poderá visitar ata o domingo.