Deputación de Lugo

A Deputación potencia os produtos autóctonos descubrindo todas as súas posibilidades culinarias nunhas xornadas de cociña gratuítas

Imaxe deputación de lugo
As Masterclass de Cociña Autóctona buscan fomentar entre o sector hostaleiro e os veciños en xeral o uso de produtos propios da provincia na elaboración dos seus pratos e como atractivo turístico, o que impulsará o sector agroalimentario e o ocio gastronómico Chefs e mestres panadeiros de prestixio impartirán ata decembro en establecementos lucenses 9 obradoiros prácticos de catro horas de duración cada un, nos que os participantes aprenderán a cociñar varias receitas A primeira clase terá lugar o vindeiro xoves, 27 de xuño, en A Faragulla Wine Bar de Chantada. As prazas son limitadas, polo que os interesados en apuntarse deben facelo canto antes no 982-22-13-47 ou en lugo2@deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo arrancará o vindeiro martes en Cervantes unha serie de Masterclass de Cociña Autóctona, un innovador proxecto que busca potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia mostrando a súa variedade, calidade e todas as súas posibilidades culinarias nunhas xornadas gratuítas de cociña impartidas por chefs e mestres panadeiros lucenses de prestixio.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos a través do plan Lug02, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro e estudantes do ramo, aínda que tamén poden participar veciños en xeral interesados, entre os que se tratará de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos e menús como atractivo turístico, o que redundará nun impulso do sector agroalimentario e do lecer gastronómico. O proxecto forma parte da decidida aposta da Deputación pola economía medioambiental como oportunidade de futuro para a provincia de Lugo, capaz de xerar riqueza e emprego.

Ata o mes de decembro, cociñeiros e artesáns cunha longa traxectoria profesional impartirán en establecementos de toda a provincia 9 obradoiros prácticos, de catro horas de duración cada un, nos que os participantes aprenderán a cociñar varias receitas.

Nas clases utilizaranse produtos autóctonos –hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros-, principalmente aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada pola Deputación, e os ofertados na plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, tamén impulsada polo organismo provincial co fin de crear unha imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización ás PEMES e autónomos lucenses.

As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deben anotarse canto antes chamando ó número de teléfono 982-22-13-47, onde serán atendidas de 10:00 a 14:00 horas, ou enviando un correo electrónico a lugo2@deputacionlugo.org

Cociña de proximidade

A primeira clase terá lugar o vindeiro xoves, 27 de xuño, en A Faragulla Wine Bar de Chantada, e o mestre será Antonio Lorenzo Gay, o dono do establecemento e chef do hotel restaurante Mogai dende o ano 1985. Con esta sesión mostrarase ós asistentes o potencial turístico da denominada “cociña de proximidade”, un concepto que diferenza a aqueles restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ó chegar ó establecemento, xa que non foi necesario un transporte excesivo para a súa obtención. De feito, os participantes utilizarán derivados de porco celta criado en Sarria, verduras cultivadas en Chantada e ovos de pitas de curral criados polos propios donos de A Faragulla para cociñar crocante de centeo con pisto machego, falso canelón de touciño e gambón, napado cunha bechamel lixeira, e revolto de patacas con touciño feito ás brasas.

As oito masterclass restantes terán lugar ó longo do que resta de ano noutros tantos establecementos da provincia, en función dos produtos de tempada.