Deputación de Lugo

A Deputación pón en valor a riqueza medioambiental da Mariña coa edición dun libro e un DVD sobre a fraga de Santo Estevo do Ermo

Lara Méndez e membros da Irmandade presentaron a obra O Santo Estevo do Ermo e a súa fraga, editada pola institución provincial e o DVD con material audiovisual que o acompaña e que realizado polos técnicos e bolseiros da Fundación TICMéndez destacou a importancia de poñer en valor o medioambiente “de xeito que aporte novos atractivos turísticos capaces de xerar riqueza de xeito desestacionalizado na Mariña”O libro é unha guía da zona dende o punto de vista medioambiental, patrimonial e etnográfico, con milleiros de datos da natureza, lendas ou tradicións propias da zona

A Vicepresidenta 2ª da Deputación, Lara Méndez; o presidente da Irmandade Santo Estevo, Ramón Becerra, e o secretario da mesma, Dámaso Ratoeira, presentaron nun acto que tivo lugar hoxe no Salón de Actos de San Marcos o libro “O Santo Estevo do Ermo e a súa fraga”, obra dos membros desta asociación barreirense, editada grazas á colaboración do organismo provincial. A obra distribuirase acompañada dun DVD con diverso material audiovisual, coma fotografías e vídeos do lugar, e de cuxa elaboración encargáronse os profesionais e bolseiros da Fundación TIC.

Durante a presentación, Méndez destacou a satisfacción dos responsables provinciais por ter prestado colaboración a unha iniciativa deste tipo, “mostra dos estupendos froitos que se dan cando administracións e veciños suman esforzos”. Destacou o valor desta obra, “con milleiros de datos das singularidades que fan patente o inmenso valor cultural, medioambiental e paisaxístico desta zona, unha das últimas fragas autóctonas do norte e das mellores conservadas, grazas ó labor de xentes coma os membros da Irmandade de Santo Estevo”, e subliñou a importancia “de preservar o patrimonio medioambiental dunha das nosas últimas fragas autóctonas e poñelo en valor, de xeito que aporte novos atractivos turísticos fóra da tempada de verán, capaces de xerar riqueza non só en Barreiros, senón en toda a Mariña”.

Pola súa banda, tanto Ramón Becerra coma Dámaso Ratoeira reiteraron o seu agradecemento á Deputación polo apoio prestado, que fixo posible “que esta obra vira a luz”. Manifestaron a súa intención de seguir desenvolvendo todo tipo de iniciativas “para preservar e poñer en valor o lugar” e lembraron que esta fin de semana, a fraga de Santo Estevo acollerá a segunda edición do Festival Histórico Augas Santas, co que os seus organizadores pretenden aumentar o interese dos lucenses e foráneos polo entorno da Capela e a fraga de Santo Estevo.

O Santo Estevo do Ermo e a súa fraga

Os máis de vinte socios da Irmandade, partindo da obra do estudioso José María Rodríguez Díaz sobre a Capela de Santo Estevo, elaboraron un estudio sobre esta edificación e o seu entorno. Coa colaboración dos veciños e a documentación atopada en arquivos, coma o Diocesano de Mondoñedo, así de coma de expertos nos diferentes temas abordados, deron formar á obra “O Santo Estevo do Ermo e a súa fraga”, unha ampla guía dende o punto de vista medioambiental, patrimonial e etnográfico desta paraxe barreirense. Milleiros de datos sobre a flora, a fauna, as lendas da zona, ou mesmo sobre as obras de rehabilitación da Capela, acompañados de abundantes imaxes e fotografías familiares antigas, cedidos polos veciños, compoñen a obra máis cuidada e minuciosa sobre esta zona.