Deputación de Lugo

Besteiro: “a reforma local é o maior ataque que sufriu nunca o mundo municipal e deixa sen resolver os problemas reais dos Concellos”

Imaxe deputación de lugo
O Presidente asegura que o proxecto de lei aprobado polo Goberno de Rajoy “non clarifica competencias, non evita duplicidades, non simplifica a estrutura da administración local, nin resolve os problemas do financiamento que teñen os Concellos”A norma “empeorará a prestación dos servizos públicos á cidadanía, que terá menos servizos e máis caros; e danará á vida democrática, pois quita ós Alcaldes e concelleiros, elixidos polos cidadáns, a capacidade de decidir sobre servizos públicos esenciais”Besteiro confía en que o Executivo central “recapacite e retire un texto que recibiu un duro e crítico informe do Consejo de Estado e ten en contra ós propios Alcaldes do PP”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou este xoves que o proxecto de Lei de reforma da Administración Local aprobado polo Goberno de Rajoy supón “o maior ataque que sufriu nunca o mundo municipal”. “O único que fai é castigar inxustamente ós pequenos Concellos, limítase a quitarlles competencias, facéndoos responsables de todos os males deste país cando non é así, pois son os que mellor se están a comportar en materia económica, mentres deixa sen resolver os verdadeiros problemas que ten a Administración local”, pois, argumentou Besteiro, a norma, tal e como está formulada, “non clarifica competencias; non evita duplicidades; non simplifica a estrutura da administración local; nin resolve os problemas do financiamento que teñen os Concellos”.
A reforma local “baleira de competencias” ás entidades locais, xa que, por un lado, engadiu, a aquelas de menos de 20.000 habitantes, o 95% dos de España, “despóxaas directamente” das competencias en servizos públicos básicos, como poden ser a recollida de lixo, o abastecemento de auga potable, a limpeza viaria, a pavimentación das vías ou o tratamento de residuos, para atribuírllas ás Deputacións. Deste xeito, asegurou o Presidente, para que un Concello poida recuperar algún destes servizos terá que demostrar que os prestará a un custe efectivo menor, “e ese custe, virá definido polo propio Goberno central cunha Orde Ministerial, abríndose deste xeito unha perigosa porta á privatización dos servizos públicos”.
“Esta Lei”, asegurou, “debería limitarse a implementar mecanismos para a prestación de certos servizos e subministros de calidade, pero o que non é de recibo é a suplantación dos municipios polas deputacións, priorizando os criterios economicistas”. “As Deputacións non estamos dispostas a ser os homes de negro do Estado, nin a suplantar os municipios nas súas competencias, senón a asistilos para que as poidan facer efectivas. E esta función na que, a través de economía de escala, convertemos os problemas micro en solucións macro, pódese facer desde unha deputación ou desde outro modelo de xestión da intermunicipalidade, ó que eu estou aberto”.
Por outra banda, sinalou Gómez Besteiro, a reforma suprime tamén as competencias dos Concellos en materias como educación, saúde e servizos sociais, e atribúellas ás comunidades autónomas. Deste xeito, afirmou, podería darse o paradoxo de que o Goberno de Rajoy “corrixa” a decisión que no seu día, “da noite para a mañá”, adoptou Feijóo transferíndolle as competencias en materia de axuda no fogar ás deputacións, aínda que non así as correspondentes achegas económicas.
Non ten en conta a situación económica dos Concellos
Deste xeito, “por Lei, suprímense as competencias da maior parte dos Concellos, sen ter en conta a súa situación económica e financeira”, manifestou o Presidente, quen confía en que o Executivo de Rajoy “recapacite e retire esta reforma, pois, de seguir tal e como está, “implicará un empeoramento na prestación dos servizos públicos á cidadanía, que terá menos servizos e máis caros; e danará á vida democrática, pois quita ós Alcaldes e concelleiros, elixidos polos cidadáns, a capacidade de decidir sobre servizos públicos esenciais”.

Besteiro lembrou ademais que o Goberno “fixo caso omiso do crítico e duro informe do Consejo de Estado, e ten en contra ós propios alcaldes do PP”. De feito, engadiu, “cando debería ser unha reforma de consenso, froito incluso dun pacto de Estado, de carácter constituínte, que dignificase o Goberno local e dotase consistencia e relevancia ó municipalismo, a administración máis próxima ós veciños, a primeira porta á que chaman, ten en contra a todas as forzas políticas e provoca división na mesma Federación Española de Municipios e Provincias”. Neste senso, o Presidente lembrou que os representantes de PSOE e IU plantaron á reunión da executiva da FEMP celebrada o pasado martes por entender que o organismo non defende axeitadamente os intereses dos municipios ó non rexeitar á reforma local.