Deputación de Lugo

O Barco Muralla da Deputación de Lugo recala en Burela

O barco permanecerá nesta localidade ata mañá e ten pendente a visita a outras vilas durante todo o verán A Deputación pretende, con esta iniciativa, concienciar ós asistentes de prácticas favorables á conservación e coidado do medio ambienteA actividade está dirixida a toda a familia con actividades lúdicas e informativas

Por segunda fin de semana consecutiva, o Barco Muralla expón a riqueza medioambiental da provincia ó tempo que ofrece unha serie de actividades lúdicas para o desfrute en familia. A actividade, que depende da Deputación, atoparase na localidade costeira de Burela ó longo toda a fin de semana e conta manter a afluencia doutras edicións.

O Barco Muralla, que está situado no Porto de Burela, está executando diversas actividades, que se reparten en dúas áreas, unha no exterior, máis ambientada no público infantil, e outra no interior, enfocada para adolescentes e unha audiencia de maior idade. Fóra sitúanse os talleres de traballos manuais para nenas e nenos, así como un apartado de reciclaxe onde os máis pequenos poden comezar a concienciarse na defensa do medio ambiente. Dentro da embarcación atópase unha pequena sala con portátiles onde os asistentes poden informarse acerca de toda a diversidade ambiental da provincia. Neste apartado tamén se atopa unha sala na que se expoñen vídeos con material informativo editados por membros da Fundación Tic, organismo dependente da Deputación. Ademais, dous monitores guiarán en todo momento a todos os asistentes, que tamén dispoñen de folletos informativos.

Unha oportunidade para os turistas que nos visitan
Esta é a segunda cita do Barco nesta edición, logo da súa visita a Guitiriz a pasada semana. A actividade continuará a súa ruta de verán polos concellos de Viveiro, Monforte de Lemos e Vilalba. No transcurso do ano pasado, preto de 10.000 persoas acudiron á embarcación para coñecer a riqueza medioambiental da provincia a través das actividades informativas que se levan a cabo.

Ademais da concorrencia de lucenses, o Barco conta con moita afluencia de público foráneo, tanto doutras provincias como de Comunidades próximas a Galicia como Asturias, Cantabria ou o País Vasco. Así o reflicten as cifras de visitantes en Guitiriz, onde preto dun 80% dos asistentes eran de fóra da provincia. Deste xeito, a iniciativa convértese tamén nun estupendo escaparate para dar a coñecer ós turistas toda a riqueza medioambiental de Lugo.