Deputación de Lugo

Expertos no eido municipal analizan mañá na Deputación a reforma da Administración local

Imaxe deputación de lugo
O presidente do Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros, xunto ós secretarios municipais de Muras, Friol e Ribadeo, explicarán as claves, pros e contras do anteproxecto de Lei As xornadas informativas e de debate organizadas polo organismo provincial, que se desenvolverán entre as 10:30 e as 14:30 horas, están abertas a todo tipo de público e a entrada é gratuíta

Catro expertos no eido municipal analizarán mañá no Salón de Actos de San Marcos as claves, pros e contras da reforma da Administración local proposta polo Goberno central. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará as xornadas informativas e de debate, organizadas polo organismo provincial co fin de afondar nun anteproxecto de Lei que será determinante no futuro de Concellos e Deputacións. O encontro, que se desenvolverá de 10:30 a 14:30 horas, está aberto a todo tipo de público e a entrada é gratuíta.

Como conferenciantes participarán Eulalio Ávila, presidente do consello xeral do Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL); Sofía Sanmartín Novo, secretaria interventora do Concello de Muras, en representación dos municipios de menos de 1.000 habitantes; Julio González Casanova, secretario de Friol, en representación das localidades de entre 1.000 e 5.000 veciños; e José Antonio Carro, secretario do Pleno do Concello de Lugo e secretario do de Ribadeo, que falará da situación de municipios de entre 5.000 e 20.000 habitantes.

Esta xornada de análise e debate pon fin á programación organizada pola Deputación sobre as últimas reformas lexislativas adoptadas polo Goberno central que afectan directamente ó quefacer diario dos Concellos da provincia. Deste xeito, ademais da reforma da Administración local que se abordará mañá nunha sesión aberta a todo tipo de público, hoxe está a ter lugar tamén no Salón de Actos de San Marcos un obradoiro técnico dirixido a funcionarios con habilitación de carácter estatal no que se tratan as novas obrigas das entidades locais sobre estabilidade orzamentaria, prazos de pago a provedores e nivel de endebedamento.

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, enmarcou este foro sobre cuestións de completa actualidade que afectan ás entidades locais no continuo esforzo do organismo provincial “por cooperar cos Concellos, proporcionándolles todos os recursos formativos, informativos e materiais para facilitarlles o seu traballo, garantir unha xestión eficaz da administración local e prestar a mellor atención posible ós veciños”.