Deputación de Lugo

A Deputación rematou co acondicionamento de 300 quilómetros de 45 estradas provinciais en 6 Concellos do Sur

Manuel Martínez supervisou o estado destas vías, situadas en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil, melloradas co Plan de RebacheoOs 50 operarios e 32 máquinas despregadas para a execución desta programación traballan agora noutros 13 municipios ata facelo nos 67, actuando na totalidade da rede viaria provincial

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, supervisou o estado das estradas da zona 7 da rede viaria provincial, a que comprende os Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil, logo de rematar co seu acondicionamento mediante o Plan de Rebacheo. O organismo provincial actuou nos 317 quilómetros das 45 vías provinciais que discorren por ditos municipios.

Os 50 operarios e 32 máquinas despregadas pola institución para a execución desta programación traballan agora nas estradas da Deputación no Vicedo, Barreiros, Mondoñedo, O Corgo, Cospeito, Pol, Lugo, Palas de Rei, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais e Cervantes. Este dispositivo actuará en toda a rede viaria provincial, a máis extensa de España superando os 4.200 quilómetros, acondicionando as estradas da institución nos 67 Concellos da provincia.

Isto é posible grazas ó Plan de Rebacheo, dotado de 5 millóns de euros, un investimento que está a permitir a realización a dunhas actuacións en mellora da rede viaria provincial, que se suman a outras levadas a cabo polo actual Goberno Provincial. Por exemplo, o Executivo de Gómez Besteiro multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material, ou desenvolveu o primeiro plan de sinalización con 3 millóns de euros. Deste xeito, colocáronse máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop), un milleiro de paneis direccionais para alertar da presenza de curvas perigosas, máis de 400 balizas de neve, preto de 13.000 metros de barreiras de seguridade ou 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.