Deputación de Lugo

A Deputación acondiciona camiños municipais para dar servizo a 400 veciños do Páramo co Plan de Comunidades Veciñais

Trátase de 5 actuacións noutras tantas vías dotadas con 13.000 euros do total de 21.000 que o organismo provincial aportou para acometer obras longamente reclamadasA institución provincial subvenciona ó 100% 232 pequenas obras encamiñadas a cubrir necesidades básicas dos veciños na totalidade dos Concellos da provincia

A Deputación de Lugo acomete este ano no Páramo obras de acondicionamento de camiños veciñais no Concello do Páramo, con cargo ó Plan de Comunidades Veciñais, por valor de 15.000 euros, o que supón o 100% do orzamento total das obras. Son cinco actuacións noutras tantas parroquias paramesas, das que se benefician 400 veciños, que finalmente contan con accesos ás súas vivendas e fincas.

Estes cinco camiños acondicionados son o de Ponte Vilar, na parroquia de Ribas de Miño; o de Vigo, na de Friolfe; o camiño de Lecende, na parroquia de San Vicente; o de Treilán, na parroquia de Gondrame, e o de Lamacemón, na de Vilarmosteiro. Con esta nova colaboración, a Deputación conseguiu mellorar notablemente a calidade de vida dos veciños do Páramo, que levaban tempo agardando por estas melloras, quen lles facilitan o acceso ás súas vivendas e fincas de cultivo.

Esta colaboración responde á aposta da institución provincial por manter e ampliar a cooperación cos Concellos, neste caso cun Plan de Comunidades Veciñais que se ten revelado coma fundamental para levar a cabo unha serie de obras menores, aínda que por elo non menos necesarias, que cobren necesidades básicas dos veciños e que os Concellos non son quen de afrontar. Deste xeito, a axuda do organismo provincial tamén supón un considerable aforro ás arcas municipais.

Os 13.000 euros cos que a institución provincial financiou ó 100% ó arranxo destes cinco camiños veciñais, son parte da contía total de 21.000 euros que a Deputación achegou ó Concello do Páramo dentro do Plan de Comunidades Veciñais do 2012. A cantidade restante foi destinada a subsanar outras carencias veciñais, coma a adquisición de mobiliario para a Asociación Veciñal de Friolfe e a mellora e instalación de medidas de seguridade nunha área recreativa nesta mesma parroquia, actuacións das que se beneficiarán os 400 veciños da zona, ou o acondicionamento do entorno da igrexa de Sáa, parroquia paramesa na que residen outros 100 veciños.

Obras nos 67 Concellos da provincia

No conxunto da provincia de Lugo, acométense 232 obras a través do Plan de Comunidades Veciñais do 2012. A inversión total é de 2 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 100%, cos que se subvencionan pequenas actuacións, coma acondicionamento de camiños rurais, pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos e pavimentacións, rede de sumidoiros ou alumeado público, nos 67 Concellos da provincia, os cales non poderían afrontar de non ser por esta axuda económica.