Deputación de Lugo

A Deputación axustouse á lei na contratación do mantemento de Tor, ó contrario do que fixo o PP durante a súa xestión

Imaxe deputación de lugo
Debido ó aumento dos visitantes ó Pazo de Tor, a institución, axustándose á lei, puxo en marcha un proceso de contratación público e aberto a todos os interesados para o mantemento deste patrimonio natural, ó que só se presentou unha entidade que foi a adxudicataria Pilar García Porto saliento que “o Partido Popular é o menos idóneo para dar leccións sobre a xestión de Tor”, cando a fiscalía investiga as talas masivas, cazas ilegais, maltrato de animal ou viaxes a África, que levaron a cabo os populares

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, salientou este xoves que “o Partido Popular é o menos idóneo para dar leccións sobre a xestión de Tor, cando a fiscalía mantén abertas as investigacións sobre as múltiples irregularidades cometidas polo PP mentres estivo xestionando este patrimonio público”. Estas irregularidades son as seguintes:

1º.- Talas masivas. O Partido Popular autorizou a extracción de madeira por valor de 725.000 euros, provocando ademais danos en pistas forestais de 288.000 euros, froito do paso da maquinaria pesada para a recollida da mesma.

2º.- Maltrato animal. A deixadez absoluta do PP neste senso provocou a morte de múltiples exemplares.

3º.- Cazas ilegais. Os populares permitiron cazas dentro da propia finca, nas que se empregaron armas prohibidas pola lei e animais vivos como chamariz.

4º.- Viaxes a África. O PP realizou viaxe a África, en concreto a Johannesburgo, Namibia e Tanzania, cun custe aproximado de 20.000 euros euros só en concepto de billete e taxas, a cargo da Fundación.

Saldadas as débedas do PP

Pilar García Porto destacou que, ante esta situación, o actual Goberno Provincial tivo que actuar diante a Axencia Tributaria, Rexistro de propiedade, abrir novas contas bancarias, cambiar as pechaduras, alimentar ós animais, limpiar e acondicionar as instalacións, facer averiguacións na Xunta de Galicia, na DGT, na Subdelegación do Goberno…ata, finalmente, liquidar a Fundación Tor e saldar todas as débedas do PP. Compre lembrar que a Deputación, gobernada polo Partido Popular e propietaria das fincas de TOR, creou en 2003 a Fundación do Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, que estaba constituida pola Consellería de Medio Ambiente, dirixida naquel momento por José Manuel Barreiro. O Goberno actual, co obxectivo de manter o patrimonio público, non só liquidou a súa contribución anual, senón que regularizou con carácter urxente a situación de endebedamento que existía con diferentes proveedores herdada do anterior Padroado. Na actualidade, non existen débedas.

Posta en valor do patrimonio público

A vicevoceira remarcou que dende 2009, data na que a Deputación acadou a liquidación da Fundación Tor e pasou a ser titular oficial dos terreos, o principal obxectivo deste Goberno Provincial é a posta en valor das 200 hectáreas deste patrimonio público. Por este motivo, recentemente, contratáronse os traballos de mantemento destas fincas logo de aprobar o prego destas actuacións na Xunta de Goberno Provincial e publicalo no Boletín Oficial da Provincia, ó que teñen acceso todos os candidatos para presentar ofertas. Foi un proceso público e aberto a todas as empresas interesadas, ó que só se presentou unha entidade, resultando a adxudicataria. García Porto aclarou que dende que Tor voltou a ser xestionada pola Deputación (no 2009) tras a liquidación da Fundación, ningún colectivo ou entidade presentou oferta económica ou proposta algunha para asumir o mantemento destas fincas. Por este motivo, e ante o incremento no número de visitantes ó Pazo de Tor, a institución luguesa, axustándose á lei como non podia ser doutra forma, puxo en marcha dito proceso de adxudicación público e aberto.