Deputación de Lugo

A Deputación insta á Xunta e ó Goberno Central a manter as axudas ós gandeiros e garantir a supervivencia das explotacións

Imaxe deputación de lugo
O Goberno Provincial defenderá no pleno deste martes unha moción para que a Xunta e o Goberno central manteñan as liñas de axudas ós gandeiros galegosO Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, será o encargado de defender o texto no que se pide tamén o mantemento do servizo veterinario nos concellos O grupo provincial socialista considera que o recorte de subvencións e a suba das primas pon en perigo a supervivencia das explotacións gandeiras

A Deputación esixirá á Xunta e ó Goberno Central o mantemento das liñas de axudas ós gandeiros para garantir a supervivencia das explotacións da provincia logo de que ditas administracións recortasen estes investimentos en case 600 millóns de euros. Concretamente, o Executivo estatal baixou este orzamento en 255 millóns no 2012 e 199 millóns este ano, mentres que a Xunta diminuíuno en 70 millóns en 2012 e en 50 millóns este ano.

Segundo explica o grupo de goberno na súa moción, o recorte destas subvencións traduciuse nun aumento espectacular das primas para servizos ós gandeiros, algúns tan necesarios como o de retirada de animais, que nalgunhas comunidades aumentou ata nun 600%.

Para o deputado Álvaro Santos por este motivo “os produtores cada vez son menos capaces de facer fronte á crise que atravesa o sector, e que aumentará proximamente debido a que a Consellería de Medio Rural tampouco convocou as axudas destinadas á mellora das explotacións, o que supón un grande atranco para todas aquelas granxas que se atopan en fase de modernización ou de ampliación”.

A moción do grupo provincial socialista se fai eco das protestas dos sindicatos agrarios, que consideran este retraso inxustificado e recordan que no ano 2012 se denegaron o 50% dos plans de mellora ademais de reducirse nun 10% o importe subvencionado. Por estes motivos as organizacións agrarias, tal e como recolle a moción, “consideran que a retirada das axudas suporá un novo lastre para as explotacións, xa que a través delas se animaba á incorporación da xente nova ó agro e a modernización e redución dos custos nas granxas.”

Considera o grupo provincial socialista que a Consellería de Medio rural non atende á súa responsabilidade ó aplicar novas medidas restritivas como o recorte no servizo de veterinario oficial. Segundo o texto que levarán ó pleno, dende o pasado mes de marzo, os facultativos dependentes do departamento Autonómico que exercían o seu traballo durante catro días á semana en dependencias cedidas polos concellos deixaron de acudir e de cubrir os devanditos servizos. Os socialistas denuncian o caso de A Pastoriza, con 538 explotacións e a maior produción láctea de España e onde os gandeiros vense na obriga de desprazarse ata Castro Ribeiras de Lea para realizar os trámites habituais. Para o grupo provincial socialista está inxustificada a retirada deste servizo, acción para a que a consellería alega falta de persoal.

Por estes motivos o grupo de goberno instará á Xunta de Galicia a manter o nivel de investimento nas explotacións gandeiras da provincia, a través das axudas da consellería de medio rural, para garantir a súa rendibilidade e paliar os custes de produción que teñen na actualidade. Na moción tamén se contempla a esixencia ó executivo autonómico de manter o servizo de veterinario oficial en todos os concellos da provincia e a que negocie co Goberno central e a Unión Europea novas políticas agrarias que permitan que Galicia deixe de ser a rexión co prezo do leite máis baixo da eurozona.

Situación crítica para as explotacións lucenses

Na mesma moción o grupo de goberno explica que a retirada das axudas ós gandeiros se suma ó baixo prezo do leite en orixe. Segundo a última campaña láctea, Galicia foi un dos territorios europeos onde se lles pagou menos ós gandeiros por este produto: uns 0,34 euros por litro de leite, cando o prezo medio no conxunto da UE se situou por riba dos 34 céntimos por litro.

Á marxe do problema dos prezos, a situación das explotacións lucenses agravouse aínda máis pola escalada dos custes de produción. As organizacións agrarias destacan que o penso subiu un 18%, o gasóleo 5 puntos porcentuais, o quilo de abono un 6,4% e a factura eléctrica un 11%.