Deputación de Lugo

Novas actividades medioambientais gratis no Centro de Interpretación de Terras do Miño da Deputación

Imaxe deputación de lugo
Logo do éxito da xornada noctura do luns con 20 persoas cubrindo as prazas dispoñibles, a institución ofrece a custe cero máis actividades para persoas de todas as idades Derradeiras 8 prazas para Os Espías Verdes, iniciativa coa que nenos de ata 11 anos descubrirán a riqueza natural no Río Rato con actividades didácticas, contos ou xogosAberto o prazo de solicitude en www.deputacionlugo.org. Máis información no correo und.medioambiente@deputaciónlugo.org e no 982-22-78-12

A Deputación de Lugo ofrece, ó longo deste mes e dende o Centro de Interpretación de Terras do Miño, novas actividades gratuítas para persoas de todas as idades logo do éxito de participación acadado nas xornadas esta programación celebradas ata o de agora. Mostra delo, 20 cativos e adultos cubriron as prazas dispoñibles para Noites De Lúa Chea: Natureza e Mito. Foi unha xornada noctura, que se desenvolveu este luns ás 22:00 horas ó longo do Paseo do Río Rato, que consistiu nun roteiro polo diferentes espazos naturais da zona, con paradas en puntos culturais e mitolóxicos de referencia.

Deste xeito, maña e o mércores, 23 e 24 de xullo, a Deputación ten preparada a actividade denominada Os Espías Verdes. Está dirixida ós máis cativos, concretamente, a nenos de entre 3 e 6 anos, aínda que tamén poderán participar rapaces de ata os 11 anos se o desexan. A finalidade deste proxecto, é a de espertar o interese dos máis cativos polo descubrimento dos espazos naturais, dándolle importancia a todos os elementos presentes no traxecto: auga, fungos, árbores, animais...Para elo, haberá actividades didácticas e lúdicas como contos ou xogos. Quedan dispoñibles as derradeiras 8 prazas.

Os interesados poden apuntarse entrado en www.deputacionlugo.org, picando no botón de enlace no espazo lateral dereito chamado “Actividades Medioambientais do Centro de Interpretación Terras do Miño”, onde se atopa o formulario que é preciso cubrir. Para máis información, pódese enviar un correo a und.medioambiente@deputaciónlugo.org, ou ben chamar ó teléfono 982227812.

Máis actividades do mes

Tamén continúa aberto o prazo de solicitude para as actividades que restan neste mes. Deste xeito, o luns 29 terá lugar Xoguetes Naturais, actividade pensada para cativos de entre 6 e 12 anos, que consistirá na construción de xoguetes tradicionais con materiais naturais. O martes 30 e o mércores 31, desenvolverase O Río Rato ós ollos dun científico, unha xornada na que os cidadáns poderán observar e coñecer o medio dun xeito diferente ó acostumado, empregando métodos científicos simplificados para coñecer a realidade natural, así como a interrelación dos seres vivos.