Deputación de Lugo

A Deputación colabora cun simposio da USC sobre agroecoloxía e cambio climático

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, inaugurou xunto co profesor Xan Neira, o seminario Durante dous días a Casa do Saber do Campus de Lugo acollerá as intervencións de numerosos expertos no temaO programa de actividades inclue unha visita á Reserva da Biosfera Terras de Miño co programa Km0

A Deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xan Neira Seijo inauguraron este martes na Casa do Saber do Campus de Lugo o seminario estival Compost, agroecoloxía e cambio climático, unha actividade formativa e de carácter divulgativo que se inclúe no marco do III Simposio de Compostaxe, e que conta con preto dunha trintena de persoas inscritas.

A Deputación colabora con esta iniciativa formativa que pretende a promoción do uso do compost de materia orgánica como método de xestión de residuos agrarios e orgánicos e da agricultura ecolóxica para reducir os efectos do cambio climático. Para a Deputada de medio Ambiente e Enerxías Renovables estas prácticas agroecolóxicas axudan a mellorar o índice de desenvolvemento no rural. Sonsoles López animou ós presentes a iniciarse en prácticas sostibles, como a de facer compost, para contribuír así unha mellor conservación do medio natural. Este cometido é, segundo a Deputada, se cabe máis importante nunha provincia como Lugo, que conta con tres Reservas da Biosfera, uns recoñecementos europeos que veñen a corroborar o equilibrio medioambiental que se percibe neste territorio.

Precisamente por este motivo, a Deputación decidíu ofrecer ás persoas inscritas neste simposio unha edición especial do programa Km0 a través do que coñeceron o Centro de Interpretación Terras do Miño e a Reserva da Biosfera Terras do Miño. Tamén gozaron dunha visita guiada ao Museo do Templo de Mitra, un importante xacemento romano achado no solar da Casa do Saber e que se vén de inaugurar e abrir ao público.

En canto ás ponencias, nesta primeira xornada do seminario o mestre compostador e consultor en tratamentos biolóxicos de residuos Ramón Plana González-Sierra explicou no relatorio de apertura deste seminario algúns aspectos xerais do proceso de compostaxe de residuos orgánicos, ao tempo que informou sobre a diversa funcionalidade deste recurso. A continuación, o catedrático de Edafoloxía da USC Francisco Díaz-Fierros ofreceu outra charla sobre o manexo ecolóxico dos solos e a súa incidencia no cambio climático.

Xornada de clausura

A mitigación/adaptación ao cambio climático e a ecoloxía da PAC será este mércores o eixo temático do primeiro relatorio da xornada de clausura deste curso, na que o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Xoán Neira Seijo tamén aportará a súa visión sobre se a biomasa forestal natural e os residuos gandeiros son unha solución ou un problema.

O curso ‘Compost, agroecoloxía e cambio climático’, dirixido por Xan Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias, concluirá con dous relatorios sobre o compoñente verde e as medidas de regulación climática na PAC e sobre o Partenariado Europeo de Innovación (EPI) Produtividade e sustentabilidade agraria. Asemade, xa en quenda de tarde, o programa do III Simposio de Compostaxe inclúe a celebración dun taller de produción agroecolóxica e compost no complexo ecoagroturismo Arqueixal, no concello de Palas de Rei.