Deputación de Lugo

Declaración institucional da Corporación Provincial de Lugo ante a catástrofe ferroviaria sucedida en Santiago a víspera do Día Nacional de Galicia

A Corporación Provincial de Lugo interrompeu desde o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, a súa axenda institucional ante a traxedia ferroviaria sen precedentes no noso país. Todos os grupos políticos que conformarmos esta Corporación queremos expresar publicamente as nosas condolencias e solidariedade coas familias das vítimas mortais, e os nosos mellores desexos para as persoas feridas que están en proceso de recuperación.

En nome da poboación desta provincia podemos destacar o orgullo que sentimos unha vez máis da forza do pobo galego, da marea de solidariedade que permanece intacta nesta terra, e do comportamento exemplar que nos caracteriza aos galegos e galegas cando as adversidades son igual de excepcionais.

Pero tamén é de xustiza salientar a profesionalidade e a calidade dos servizos públicos implicados no rescate, atención e tratamento das persoas afectadas que foron reforzados cos profesionais que, de xeito altruista e voluntario, aportaron o seu traballo nos centros hospitalarios. Resaltar o labor de axuda realizada polos veciños e veciñas do lugar afectado. O extraordinario comportamento que mantiveron é motivo de orgullo para todos e todas nós.

Desde o mesmo día do accidente, a Deputación de Lugo puxo a disposición do Goberno galego todos os seus recursos, humanos e materiais, por se así fosen necesarios. Agardamos o esclarecemento sobre o acontecido e sobre as causas que provocaron o accidente para que unha situación así non volva ocorrer no futuro e tamén por respeto á memoria das vítimas e aos seus familiares.

Hoxe reiteramos a nosa vontade de colaboración, compromiso e unidade, sen perder a confianza en que o pobo galego volverá saír adiante.

Corporación Provincial de Lugo