Deputación de Lugo

A Deputación resalta os produtos gastronómicos da Ribeira Sacra cunha masterclass de cociña en Monforte de Lemos

A Deputación organizou a través da iniciativa Lug02 un obradoiro de cociña con produtos autóctonos no restaurante Manuel BistróOs participantes aprenderon a facer pratos tradicionais cun toque moderno e produtos propios da zonaA Deputada de Economía, Facenda e Recadación, Pilar García Porto, participou neste obradoiro no que medíu as súas habilidades como cociñeira coas doutros 15 chefs

A Deputación de Lugo celebrou, a través da iniciativa Lug02 unha nova masterclass de cociña autóctona. Nesta ocasión a cita tivo lugar no restaurante Manuel Bistró, de Monforte de Lemos. Nas súas modernas instalacións os participantes aprenderon da man do cociñeiro local Manuel Fernández a facer exquisitos pratos con produtos da zona.

Na cita, participou nesta ocasión a Deputada de Economía, Facenda e Recadación, Pilar García Porto, que admirou as técnicas e os produtos empregados para a clase. A exaltación gastronómica incluíu analizar as posibilidades culinarias de produtos propios da Ribeira Sacra como queixo de tetilla, panceta de porco celta, ou solombo de tenreira, entre outros. A idea do cociñeiro era facer unha cociña diferente con produtos da zona e pratos tradicionais despois dunha revisión moderna. Manuel Fernández amosoulles aos participantes técnicas e usos novos para estes produtos. Durante a masterclass elaboraron un menú completo que incluía entrantes, 3 pratos e postres. Nos aperitivos o chef misturou produtos propios da zona con pratos típicos doutras culturas combinando doce e salgado para abrir boca. Así, en primeiro lugar os asistentes aprenderon a facer chips de remolacha con alioli de allos confitados, ravioli de queixo tetilla e calabacín con espuma de panceta celta, cebiche de salmón e jalapeños con nata agria e tosta de béveras con xamón.

De primeiro prato, Manuel Fernández, propón unha vieira á galega “renove”, coa que lles ensinou aos asistentes a técnica da deconstrucción, tratando cada ingrediente por separado para conseguir reforzar o sabor da súa unión. No segundo prato, os asistentes á masterclass tamén puideron aprender a técnica do breseado cunha pescada que se coceu misturando calor seco e vapor. Un “solo millo” é unha creación do chef onde ademais da carne se inclúe unha xema de ovo e millo triturado. De postre os asistentes á masterclass aprenderon a facer un ragut de fresóns balsámicos con xeado de queixo e macadamia e o punto final foi unha croqueta xeada de vainilla e cookies.

Próximas citas en setembro

Esta é a terceira masterclass que se celebra dentro da iniciativa Lug02, tras unha clase de cociña de proximidade en Chantada e outra de repostería en Cervantes. O programa está financiado nun 80% por fondos europeos a través do plan Lug02. As masterclass están dirixidas principalmente a profesionais hostaleiros e estudantes do ramo, aínda que tamén poden participar veciños en xeral. A partir de setembro se celebrarán novas citas noutras localidades da provincia de Lugo nas que se destacarán de novo outros produtos autóctonos. As prazas son limitadas e as clases son en grupos reducidos favorecer a aprendizaxe, así que os interesados deben apuntarse no teléfono 982-22-13-47 ou en lugo2@deputacionlugo.org

A Deputación, pretende coa celebración destas masterclass, fomentar entre o sector hostaleiro e os veciños en xeral o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos. O organismo considera a gastronomía un importante atractivo turístico que pode axudar a impulsar o sector agroalimentario e do lecer.

O proxecto forma parte da decidida aposta da Deputación pola economía medioambiental como oportunidade de futuro para a provincia de Lugo, capaz de xerar riqueza, en función dos produtos de tempada. Nestas clases se empregan produtos autóctonos como hortalizas, legumes, derivados da matanza, caza e pesca, entre outros. A Deputación pretende así fomentar o uso dos produtos que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo e os ofertados a través da plataforma www.losproductosdelugo.com, tamén impulsada pola Deputación co fin de crear unha imaxe de marca e abrir novas canles de comercialización para PEMES e autónomos lucenses.

Completa formación

O chef local Manuel Fernández estudou na Escola de Hostelería Belarmino Rodríguez de Rosende, en Sober, para posteriormente ampliar os seus estudos en Escola Superior de Hostelería de Santiago de Compostela, onde estudou Restauración, Cociña e Servizos. Polo seu interese na respostería completou os seus estudos co ciclo de panadería e pastelaría. Manuel Fernández pertence a unha familia vinculada ao sector da hostelería dende hai anos e na actualidade dirixe a cociña do restaurante Manuel Bistró que leva aberto 3 anos e que se caracteriza por ofrecer unha moderna revisión da cociña tradicional.