A Deputación impulsa a Festa ó Emigrante do Concello de Pol, que move máis de 3.000 persoas
O Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos; o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, o tenente Alcalde, José Luís Ramudo Audión e os Concelleiros de Pol de Medio Rural e Deporte, Luís Javier Fernández Ramos e de Medio Ambiente, Belén Seco Morado presentaron este mércores nos xardíns do Pazo de San Marcos a XXX Edición da Festa ó Emigrante do Concello de Pol, que se vai celebrar o vindeiro sábado día 24 de agosto na pequena vila lucense. A institución provincial aporta un total de 3.000 euros que van dirixidos a financiar parte das actividades programadas para a xornada. O Deputado de Cooperación cos Concellos salientou que a festa é un reclamo turístico moi importante para o concello xa que serve para dinamizar, en certa medida, a economía local ó tempo que se converte nun evento de referencia para os emigrados que se achegan ata a comarca, ano tras ano, a pasar as súas vacacións. Álvaro Santos tamén manifestou que a Deputación apoia fortemente ó evento posto que que o evento celebre a súa 30 edición é mostra da boa xestión e do éxito da organización . Ónega tamén afirmou que a festa é moi importante pois move a máis de 3.000 persoas e valorou que estamos moi contentos da aceptación que ten a festa entre a xente, que nos felicita ano tras ano polo evento.
Programación para os emigrantes
As actividades comezarán ó mediodía cun acto cantado pola Schola Gregoriana Lucensis. Ó remate, terá lugar a lectura do pregón da man do sociólogo e urbanista, Elías Trabada Crende, un emigrado que se achega todos os anos ata a comarca a pasar uns días de vacacións. Ás 14:30 será o acto oficial no que se descubrirá a placa que conmemora o XXX aniversario da Festa ó Emigrante do concello de Pol. As 14:45 horas dá comezo a sesión vermú amenizada pola orquestra Canadá. Logo deste espazo musical, é o xantar, que se celebra na carballeira de Mosteiro, acondicionada para o evento con máis de 2.000 prazas para as persoas que decidan achegarse a comer alí rodeados dun ambiente festivo e de romaría. Logo da sobremesa, sobre as 18:30 comezará a actuación da orquestra América, que amenizará a tarde do sábado. Pola noite, a festa continúa e volverán actuar as orquestras Canadá e América que animarán ó evento ata as 5 da maña.