Deputación de Lugo

A Deputación está a acondicionar preto de 1.000 quilómetros de estradas na Zona Sur

Os plans de rebacheo e roza da Deputación levan realizado melloras nas vías provinciais de 11 concellosOs técnicos xa supervisaron o estado do firme en 667 quilómetros de estradas provinciais nesta zona e na metade dos concellos xa comezaron os traballos de roza

A Deputación traballa un ano máis no acondicionamento das estradas provinciais da Zona Sur de Lugo. Os plans de rebacheo e roza do ente provincial contemplan actuacións nos preto de 1.000 quilómetros que suman as estradas de titularidade da Deputación nos concellos do sur da provincia.

Os traballos de rebacheo xa remataron en 8 concellos. Nos municipios de Bóveda, Pantón, Monforte de Lemos, Pobra de Brollón, Folgoso de Courel, Sober, Ribas de Sil, Quiroga e Saviñao. Entre todos estes municipios suman 667 quilómetros que xa foron supervisados polos técnicos da Deputación. No concello de Chantada xa comezaron as obras e os de Taboada e Carballedo se sumarán en breve ó Plan. Estas cifras revelan que o 70% das estradas desta zona xa foron supervisadas e acondicionadas en función das súas necesidades.

O Plan de Roza leva un ritmo de execución similar, a estas alturas xa se levan limpado o 56% das cunetas das estradas desta zona. Na actualidade as máquinas que se encargan deste traballo están a traballar en Chantada, Carballedo, Saviñao, Pobra de Brollón e Sober e nos vindeiros días se sumarán os concellos de Taboada, Bóveda, Monforte e Quiroga. Segundo estes datos xa están rozadas ou están a selo as cunetas de 527 quilómetros, máis da metade das estradas de titularidade provincial na Zona Sur.

Importante esforzo económico da Deputación
Estas actuacións supoñen un importante esforzo da Deputación por manter en bo estado a rede viaria provincial, a máis extensa do Estado con 4.200 km. Os plans de roza e rebacheo contan con orzamentos de 600.000 euros e 5,5 millóns de euros, respectivamente.

O plan de roza da rede viaria da Deputación mobiliza 70 operarios e 50 máquinas co obxectivo de previr incendios e aforrar custes. Pola súa banda, para desenvolver o plan de roza, a Deputación contratou estas actuacións a 23 autónomos e pequenas empresas da provincia, precisamente, para potenciar os seus negocios, contribuíndo ó impulso da economía e ó mantemento de postos de traballo en Lugo ante a crise.