Deputación de Lugo

A Deputación denuncia a discriminación da Xunta a festas declaradas de Interese Turístico Galego na provincia

Imaxe deputación de lugo
Varios eventos declarados de Interese Turístico galego non recibiron este ano axuda da Xunta A Deputación solicítalle ó goberno autonómico que estas declaracións conten con axudas específicas porque son un un revulsivo económico para a provincia.

A Deputación denuncia a discriminación da Xunta na adxudicación de axudas para a celebración de eventos de interese turístico galego. Dende a Deputación explican que a Consellería de turismo fai esta declaración coa intención de fomentar ó turismo pero despois deixa ós organizadores sen subvencións para promocionar os eventos que deberían dinamizar a economía da zona.

A Deputación esixe explicacións á Consellería de Turismo na xestión destas axudas e pregunta concretamente polos criterios que se seguen para aprobar ou non as achegas. Dende a entidade provincial critican que a Consellería, responsable da declaración das Festas de Interese Turístico Galego, non dota a estas celebracións de axudas concretas para facilitar o traballo dos organizadores.

Para a Deputación a promoción destas celebracións socioeconómicas é fundamental porque supoñen un importante revulsivo para a economía local e insisten en que en moitos casos a supervivencia da festa depende destas axudas. As citas serven para que axentes locais poñan á venta e promocionen os seus produtos gastronómicos, artesáns ou autóctonos, polo que estas celebracións teñen un grande impacto nas súas economías. Explican dende a entidade provincial que moitas das celebracións que contan con esta declaración preservan o noso patrimonio inmaterial, aspecto que inexplicablemente a Xunta non ten en conta para dar as axudas. Por este motivo a Deputación dedica fondos e axuda a promocionar estas festas colaborando cos seus organizadores.

Na provincia de Lugo hai catalogadas como festas de interese turístico galego 22 celebracións, e outras dúas citas lucenses contan coa declaración de interese nacional. Este ano quedaron sen axuda da Xunta citas tan relevantes como a Romaría do naseiro de Viveiro, a Feira do Bonito de Burela, A Maruxaina de San Cibrao, as Fachas do Castelo de Taboada ou o Arde Lucus. Tamén na capital, as festas do San Froilán, declaradas neste caso de Interese Turístico Nacional non contan con axuda da Xunta.

Outra discriminación ós lucenses
A falta de axudas para as festas de Interese Turístico Galego súmase a outras medidas discriminatorias acometidas polo goberno do PP na Xunta. Tal é o caso das áreas de Educación ou Sanidade, co peche de unidades escolares no rural lucense, a falta de servizos básicos de hemodinámica e radioterapia no Hospital Lucus Augusti e a paralización de infraestruturas de grande importancia para a provincia como o Corredor da Costa que depende da Xunta.