Deputación de Lugo

Rematadas máis de 50 melloras nas dotacións públicas do rural de todos os Concellos da Mariña con 460.000 euros da Deputación

Gómez Besteiro salienta que con estas obras “aforramos cartos ás entidades locais, reivindicamos a vida no campo e facemos fronte ó despoboamento demográfico, ó tempo que mantemos postos de emprego na provincia” Este mesmo ano, o organismo provincial financiará outras 47 obras en todos os Concellos da Mariña, achegando un novo investimento de 400.000 euros

A Deputación financiou máis de 50 melloras nas dotacións públicas municipais de zonas rurais da totalidade dos Concellos da Mariña con 460.000 euros. Autónomos e pequenas empresas lucenses executaron estas actuacións, que veñen de rematarse e que se enmarcaron no Plan de Comunidades Veciñais da institución. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, salientou que “con esta programación permitimos a execución de traballos que non asumen outras administracións, nin a Xunta nin o Goberno Central, aforrando cartos ás entidades locais; melloramos os servizos ós veciños do rural, reivindicando a vida no campo e facendo fronte ó despoboamento demográfico; ó tempo que mantemos postos de emprego na provincia, xa que son profesionais lucenses quen realizan estas obras”.

Con cargo a este plan, acondicionáronse instalacións deportivas en Burela, melloráronse accesos en varias parroquias de Foz e Ourol, arranxáronse traídas de auga en Lourenzá, A Pontenova ou Trabada, adecentáronse prestacións que estaban en desuso, como fontes públicas en O Vicedo e Viveiro, ou ata se dotou de alumeado público a núcleos rurais, como é o caso de Catarou en Viveiro.

Ademais destas obras que xa están executadas, a Deputación mantén aberta esta vía de colaboración cos veciños para mellorar a calidade de vida no rural, investindo outros 2 millóns de euros en toda a provincia. Este mesmo ano, a institución provincial financiará na Mariña outras 47 actuacións nas que de novo se verán beneficiados tódolos Concellos da comarca e que suman un orzamento total de 400.000 euros.