Deputación de Lugo

Regina Polín entregou os diplomas dos Obradoiros Infantís do CENTRAD ós 45 nenos participantes

Un total de 90 nenas e nenos de entre 5 e 15 anos da provincia puideron optar por actividades como o traballo con coiro, a cerámica, a cestaría, o reciclaxe, o feltro ou o grafittiA Deputación de Lugo pretende, con estas actividades, achegar a cultura e tradicións artesanais ós nenos, así como axudar a conciliar a vida familiar e laboral nos meses da temporada estival

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, entregou este venres, no Centro de Cestería do río Rato, os diplomas acreditativos de participación ós 45 rapaces de entre 5 e 15 anos que veñen de participar na segunda quenda dos Obradoiros de Artesanía Infantís organizados polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. Estes obradoiros que organiza nas temporadas de lecer escolar o CENTRAD remataron unha edición máis con éxito ó completárense as 90 prazas que se ofertaban. Estes cursos foran concibidos nun principio para nenos de entre 5 e 12 anos, pero á vista da gran demanda por parte das familias de programar algún obradoiro para nenos de maior idade, a Área de Artesanía e Deseño ampliou o rango de idade ata os 15 anos e aumentou o número de prazas.

A Deputación de Lugo continúa así co seu compromiso de achegar a cultura e tradición artesá da provincia ós nenos, axudar á conciliación da vida familiar e laboral e potenciar e dar a coñecer o traballo dos artesáns da provincia. Outro dos obxectivos é a concienciación fronte ó consumismo, a través da posibilidade de elaborar xoguetes e outros útiles para o entorno do neno, partindo de materiais reciclados e de pouco valor económico.

Este verán, os nenos que participaron puideron optar por actividades coma o traballo con coiro, a cerámica, a cestaría, o reciclaxe, o feltro ou o graffiti. Foron 12 cursos didácticos, totalmente gratuítos, dirixidos a rapaces de 5 a 15 anos, que se desenvolveron nas instalacións do CENTRAD, na travesía da rúa Chantada da capital luguesa, dende o 1 de xullo ó 30 de agosto en varias quendas. Ademais, coma en todas as ocasións anteriores, o 15% das prazas dispoñibles estiveron reservadas para nenos con necesidades especiais.