A directora de cine Gracia Querejeta inaugura este luns o novo curso da Escola de Imaxe e Son de Lugo
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_8694_1.jpg)
O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a directora de cine Gracia Querejeta inaugurarán este luns o curso 2013-2014 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual. A inauguración oficial será ás 17:00 horas no Salón de Actos da Deputación e estará aberta ó público interesado en coñecer as reflexións da cineasta madrileña, de actualidade estes días pola súa última película, 15 años y un día, que vén de ser preseleccionada para optar a representar a España nos premios Oscar de Hollywood.
Gracia Querejeta, filla do produtor Elías Querejeta e membro dunha xeración de xoves directoras de recoñecido prestixio, como Icíar Bollaín, Isabel Coixet ou Patricia Ferreira, expoñerá ós alumnos a súa experiencia dentro do mundo do cine e atenderá todas as cuestións que lle formule o público presente.
Matrícula gratuita e completa
O curso 2013-2014 comeza coas 44 prazas dos Ciclos Superiores de Realización e Produción da EIS cubertas. Este é o sexto ano consecutivo que a Escola da TIC completa a matriculación, e con lista de espera no apartado de Realización. Ademais a matrícula volveu ser de balde, agás para os repetidores, grazas ó esforzo económico da Fundación, co obxectivo de facilitar o acceso a un ensino gratuíto de calidade.
A presentación ós alumnos de 1º e 2º terá lugar mañá venres no Centro de Produción de Programas da Fundación (CPP), onde realizarán a súa formación práctica ó longo do curso, e que fai da EIS de Lugo un referente en Galicia. Ademais dos horarios e módulos que se impartirán este ano, manterán o primeiro contacto con docentes e técnicos auxiliares docentes e coñecerán as instalacións que contan, entre outras dotacións, con plató, mesas de realización e de son e cámaras robotizadas e operadas.
Querejeta: 6 películas en 15 anos
Gracia Querejeta é a continuadora dunha saga de cineastas que comezou o seu pai, o produtor Elías Querejeta, que lle abriu o camiño no mundo do cine e produciu varias das súas películas. A súa primeira experiencia profesional detrás dunha cámara foi como auxiliar de dirección en Dulces horas, en 1981, ás ordes de Carlos Saura. En 1988 dirixiu a curta Tres en la marca coa que obtivo o premio Teatro Arriaga de Bilbao. En 1990 realizou, xunto a Jesús Ruiz e Nacho Pérez de la Paz, El Viaje del agua, premio Goya ó mellor documental español.
En 1992 dirixíu a súa primeira película en solitario, Una estación de paso, premio especial do xurado na semana de cine de Valladolid. Despois seguíronlle El último viaje de Robert Rylands e Cuando vuelvas a mi lado. En 2004 dirixiu Héctor, galardoada co premio á mellor película no Festival de Málaga do Cine Español e en 2007, Siete mesas de billar francés, con varias candidaturas ós Goya, entre elas á mellor dirección. En 2008 recibiu o premio Ciudad de Cuenca do Festival Internacional de cine Mulleres en Dirección en recoñecemento á súa traxectoria. Ademais realizou outros traballos, como os documentais Primarias ou El trabajo de rodar. O seu último traballo é 15 años y un día co que volveu gañar a Biznaga de Ouro á mellor película no Festival de Cine Español de Málaga e unha das catro longametraxes preseleccionadas para optar a representar a España no Oscar.