Deputación de Lugo

A TIC colabora de novo coas Autónomas contribuíndo á promoción do comercio lucense co Street Market

Bolseiros e técnicos da TIC realizarán produtos audiovisuais para difundir a iniciativa coa que Autónomas, Deputación e Concello impulsan a vida comercial no centro da cidadeRegina Polín destacou a importancia de apoiar un dos sectores máis afectados pola crise que xa provocou o peche de 400 establecementos só na capitalA feira celebrarase este xoves e nela participarán máis de medio cento de establecementos con descontos do 50% ó 80% nun amplo catálogo de produtos

A Padroa da Fundación TIC e Deputada provincial, Regina Polín, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre e a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real, presentaron esta mañá a terceira edición do Street Market que organiza dito colectivo, en colaboración, co Concello e a Deputación para impulsar a actividade comercial no centro da cidade. A feira, que se celebrará este xoves 5 de setembro, difundirase en diversos medios audiovisuais grazas a unha nova colaboración da TIC cos comerciantes y autónomos lucenses. Deste xeito, técnicos da Fundación coa participación de bolseiros realizarán un amplo DVD así como varios audiovisuais da cita que recollerán o ambiente nas rúas e nos negocios.

Regina Polín destacou a importancia de apoiar desde as institucións iniciativas coma esta que axudan “a impulsar un sector estratéxico na provincia, dos máis afectados pola situación económica actual, e que provocou xa o peche de 400 establecementos tan só na capital”. A Deputada remarcou tamén a intensa colaboración que mantén a TIC coas Autónomas noutros proxectos que desenvolve a asociación ó longo do ano coma a Noite Aberta, a Feira Outlet ou Artesanfroilán, e nos que “sempre participan alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son co fin de aumentar as súas posibilidades laborais”, principal prioridade do único centro da provincia que imparte ensinanza superior da rama audiovisual.

Produtos do 50% ó 80%

O Street Market ou mercado na rúa ofrecerá descontos do 50% ó 80% nun amplo catálogo de produtos desde téxtil, complementos, calzado ata lencería, xoias ou lentes en ópticas. A cita terá lugar ó longo do día no casco antigo e participarán medio cento de establecementos da cidade, que serán identificados por ter diante dos seus locais unha mesa de cor laranxa.

Esta iniciativa que chega a súa terceira edición celébrase nos meses de maio e setembro coincidindo co remate das tempadas de inverno e verán. O obxectivo é atraer ó centro da cidade a lucenses e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio lucense e animar as vendas cara a campaña de rebaixas.