Deputación de Lugo

A Deputación pón en marcha unha nova acción formativa sobre técnicas para aproveitar o márketing dixital na busca de emprego

O In Lugo acolle dende hoxe este curso gratuíto co que desempregados lucenses aprenderán como mellorar as súas competencias e posibilidades de inserción laboralTrátase dunha acción formativa, financiada nun 80% pola Unión Europea, que ofrece 150 horas lectivas e combina as titorías e prácticas presenciais coa formación online A institución provincial aposta por impulsar as TIC na vida persoal e laboral dos lucenses, para xerar e manter emprego e fortalecer o tecido empresarial da provincia

A Deputación de Lugo, a través do Centro de Innovación Social In Lugo, ofrece dende este luns un novo seminario gratuíto sobre márketing online, no que tomarán parte 25 desempregados da provincia, e no que aprenderán a aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar as súas competencias curriculares e aumentar as posibilidades de atopar traballo.

Marketing de contidos dixitais na era das TIC, financiado nun 80% pola Unión Europea a través do programa Innova-TE e que se desenvolverá ata o vindeiro 8 de outubro, é unha acción formativa de carácter semipresencial cunha carga lectiva de 150 horas, durante as que os alumnos recibirán o material didáctico preciso e contarán con titorías e axuda durante todo o desenvolvemento do curso. En canto ós contidos, versarán sobre as ferramentas e estratexias de marketing dixital coas que se é posible mellorar substancialmente as competencias curriculares e as posibildades de inserción laboral. Os contidos teóricos completaranse con prácticas e titorías de resolución de dúbidas e problemas.

Precisamente a finais do pasado mes de agosto vén de rematar con éxito un curso online cun contido similar, dirixido a traballadores en activo, empresa e autonómos, e, neste caso, enfocado a ensinar as técnicas máis adecuadas para mellorar a competitividade das empresas, ampliar os seus mercados, fidelizar clientes e aforrar custes, contribuíndo así a aumentar o volume de beneficios. As campañas online, os blogs e microblogs, a importancia da fidelizacion online, a marca no márketing dixital ou as novas estratexias creativas na rede ou na web como “tenda 24 horas”, foron algúns dos contidos abordados nesta acción formativa, tamén financiada por fondos europeos, que se complementou con prácticas e testimonios de experiencias reais de éxito.

Máis dun milleiro de participantes

Con estas novas accións formativas, o Centro de Innovación Social continúa coa súa intensa labor encamiñada a eliminar a fenda dixital na provincia, favorecer o equilibrio territorial e aproveitar as TIC para impulsar o desenvolvemento socioeconómico.

Con estes últimos participantes, a son máis de 1.000 os veciños e empresas da provincia que levan participado en algo máis dun ano nas accións formativas, todas gratuítas, organizadas polo In Lugo. Houbo obradoiros e xornadas, eminentemente prácticas, en 22 Concellos da provincia, encamiñadas a amosar ós lucenses como sacarlle o máximo partido ás TIC na súa vida persoal e laboral, ademais de impulsar o tecido empresarial para manter e xerar emprego. O uso de buscadores web, o comercio electrónico, a formación en community manager, a creación de blogs e páxinas web, e o deseño de campañas de marketing on line foron as xornadas que tiveron unha maior aceptación.