Deputación de Lugo

Alfredo Llano subliña o 'inexplicable' rexeitamento de Cervo á certificación medioambiental das praias

Imaxe deputación de lugo
O Concello rexeitou a ISO 14001, que garante continuas melloras nos areais, malia que a Deputación asumiu os custes deste selo, aforrando 100.00 euros ós municipios

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, subliñou este luns o “inexplicable” rexeitamento do Concello de Cervo á certificación medioambiental de praias ISO 14011, que o organismo provincial ofreceu a todos os municipios da Mariña dentro da aposta polo medioambiente como oportunidade económica. “Sen explicación algunha, dende o primeiro momento Cervo non quixo participar neste proxecto que garante continuas melloras nos areas, malia que a Deputación asumiu os custes da obtención deste distintivo, así como ós do seu mantemento, aforrando ós municipios 100.000 euros”, remarcou Llano.

Xa no 2010, o organismo provincial ofreceu a todos os municipios da Costa a certificación medioambiental ISO 14001, o selo de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental, concedida segundo parámetros da Unión Europea. Nun primeiro momento, os Concellos que se sumaron voluntariamente a este proxecto foron os de Foz, Viveiro, O Vicedo, Burela e Ribadeo. Posteriormente, O Vicedo e Burela decidiron desvicularse a pesares dos beneficios directos para os municipios deste selo. Estes son os seguintes: ambiental, ó implicar a incorporación de continuas melloras nas praias, que contribúan a optimizar a limpeza e xestión de residuos; promoción, xa que as praias con este selo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó acceso da cidadanía en xeral e operadores turístico, ó tempo que abre as portas á participación en feiras e salóns turísticos; económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais reducen custes, así como o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.

A institución asumiu os custes dos traballos de implantación e mantemento da certificación ISO 14001, aforrando ós Concellos 98.0000 euros. (35.000 euros en 2010 a Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela e O Vicedo, ó facerse cargo da implantación deste selo de calidade; 21.000 euros nos anos 2011, 2012 e 2013, A Viveiro, Ribadeo e Foz, ó financiar as auditorías para a súa continuidade).

Son 14 as praias que na actualidade teñen a ISO 14001: as focenses de Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, A Pampillosa e Arealonga; as viveirenses de Covas, Area e Sacido; e as ribadenses de As Catedrais e Os Castros. A provincia de Lugo é a primeira de Galicia e a cuarta de España -despois de Tarragona, Valencia e Castellón- con máis areais recoñecidos con este distintivo. Dos 19 areais galegos certificados, 14 son mariñanos, e as outras 5 da Coruña (Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro e Oza).