Deputación de Lugo

1500 persoas desfrutaron das actividades de Lugoteando programadas pola Deputación na provincia

A Deputación tivo que ampliar o número de prazas ofertadas nas súas últimas convocatorias debido ó éxito da actividadeCoa visita a Lugo, o ente provincial pecha a tempada desta actividade, cun gran éxito de convocatoria, como nas anteriores ediciónsA Deputación aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas, potenciando o turismo e o ocio medioambiental

Lugoteando, a actividade organizada pola Deputación, conseguiu reunir a preto de 1500 persoas polas vilas da provincia para participar nas actividades lúdicas que se ofertan. A Deputación viuse obrigada a aumentar o número de prazas nalgunhas localidades ó ocuparse a totalidade das ofertadas nun principio. Esta fin de semana reuníronse varios centos de persoas na capital da provincia para desfrutar desta iniciativa. O éxito de Lugoteando non para aí, xa que a campaña de verán que organiza a Deputación atestou de xente nova vilas como A Pontenova, A Fonsagrada, O Valadouro, O Incio, Viveiro, Monforte, Foz ou Vilalba, entre outras.

Nesta última cita do verán de Lugoteando, os participantes puideron desfrutar de actividades como paddle surf, que consiste en desprazarse sobre unha táboa de surf axudándose dun remo; un simulador de surf, co que as persoas poden saber o que se sinte ao cabalgar sobre as olas; skates a motor; sea scooter, un motor con hélice que facilita o buceo; bolas acuáticas e canoas.

O medio ambiente, xerador de riqueza

A Deputación aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando é unha das actividades que organiza durante todo o ano, potenciado o turismo e o ocio medioambiental, e xerando riqueza. Esta foi a 4º edición desta programación, que foi todo un éxito, tanto nesta, como nas anteriores convocatorias grazas á participación de milleiros de persoas que desfrutaron das actividades e que contribuíron a impulsar establecementos lucenses de diferentes sectores (dende os de multiaventura ós da hostalería), mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación. Haberá que agardar ó ano que ven, coa chegada do bo tempo, para volver a desfrutar desta iniciativa.