Deputación de Lugo

Pilar García Porto: 'Feijóo é un mal pagador que adebeda ós lucenses outros 800.000 euros'

A Deputada adianta que a institución convocará a Comisión de Seguimento para que se cumpra o convenio sobre a liquidación da débeda pola xestión dos hospitais ante o seu “reiterado incumprimento”. A Xunta demorou os seus pagos en todas as anualidades “O PP debe defender os intereses dos lucenses pero prefire loar a xestión dun Presidente galego que non dá ós cidadáns o que é seu, que agocha facturas de ata 400 millóns de euros nos caixóns e que fai trampas para encaixar as contas”“O único que fai o Partido Popular é tentar xudicializar a vida política para agochar as súas miserias. Pero a xustiza volve a non darlles a razón” destacou García Porto ó respecto da desestimación por parte do TSXG do recurso sobre o Orzamento da Deputación para 2013

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, denunciou este xoves que “a Xunta adebeda ós lucenses outros 800.000 euros”. Trátase da débeda que o Goberno galego acumula co organismo provincial dende 2012 pola xestión dos hospitais San José e San Rafael e que debería ter pagado, tal e como recolle o convenio ratificado en xaneiro do 2011 por ambas as dúas administracións. García Porto subliñou que “Feijóo é un mal pagador, capaz de agochar facturas nos caixóns por valor de 400 millóns de euros, tal e como constatou o Consello de Contas, para encaixar as contas da Xunta. O Presidente é un tramposo, fai o que sexa para poder alardear de boa xestión”.

Os 800.000 euros que adebeda a Xunta distribúense do seguinte xeito:

- 647.000 euros pola liquidación definitiva da débeda.

- 93.000 euros pola demora no pago da débeda no 2012. Hai que ter en conta que a Xunta tardou 9 meses en pagar a anualidade correspondente para dito ano. Tiña que pagar 2,5 millóns de euros antes de rematar o primeiro trimestre do 2012 e fíxoo a tan só 3 días de rematar ese ano.

- 64.000 euros pola demora no pago de débeda no 2013. Neste caso, o Goberno galego tardou 4 meses en pagar 3,7 millóns de euros.

“Ante o reiterado incumprimento do convenio que a propia Xunta ratificou e tras alertar ó Goberno galego en repetidas ocasións que estaba a retrasar os pagos de todas as anualidades, vamos a convocar a Comisión de Seguimento para esixirlle a Feijóo que poña fin a esta situación, xa que está a perxudicar gravemente ós lucenses” adiantou a Deputada.

Máis de 11 millóns de euros

Neste senso, García Porto destacou que, xunto a esta débeda de 800.000 euros, o Goberno galego ten que pagar ós lucenses máis de 11 millóns de euros de aquí ó 2016 pola xestión dos hospitais. Este presuposto distribúese en anualidades de 3,7 millóns de euros, que se deben ingresar antes do 31 de marzos de 2014, 2015 e 2016, segundo o convenio.

“Trátase dun importante orzamento. Están en xogo os intereses dos lucenses, que o Partido Popular de Lugo debería defender, reclamando á Xunta que pague. Nembargantes, non o fai, rexeitando no Pleno Provincial a moción que levamos para que Feijóo pague en tempo e forma os cartos que adebeda ós lucenses. O PP prefire loar a xestión dun Presidente galego que non dá ós cidadáns o que é seu, senón que lles quita servizos públicos e lles incrementa os impostos; dun Presidente de Galicia que agocha facturas, que fai trampas para encaixar as contas da Xunta, que non colabora coa posta en marcha da primeira rede pública de residencias e centros de día na provincia ou coa do primeiro centro público en España de recría de gando vacún en Castro de Rei”, remarcou a Deputada.

“Xudicializar a vida política para agochar miserias”

Por outra banda, García Porto adiantou, ademais, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar o recurso presentado polo PP en contra do Presuposto da Deputación para 2013 por “extemporaneidade en su interposición”, dicta o auto. A Deputada remarcou que “o único que fai o Partido Popular é tentar xudicializar a vida política para tapar as súas miserias, as que investiga a Audiencia Nacional. Así o fixeron tamén con Gazeley, antepoñendo os intereses dunha multinacional árabe ós dos lucenses. Pero a xustiza volve a non darlles a razón. Por riba, como mostra do intensísimo traballo que leva a cabo o PP por e para os cidadáns desta provincia, os populares presentaron tarde este recurso” Fixérono o 28 de febreiro, máis de tres meses despois da aprobación inicial do Orzamento (Pleno Provincial do 27-11-2012), máis de dous meses despois da súa aprobación definitiva (Pleno Provincial 26-12-2012).