Deputación de Lugo

Últimas entradas para asistir a proxección da última longametraxe de Coolfilms O crime da legua dereita

Imaxe deputación de lugo
Os interesados en facerse con entradas gratuítas para calquera das sesións previstas para as 20:30 e as 22:00 horas, aínda poden retiralas na Unidade de Atención ó Cidadán no Pazo de San MarcosO acto contará coa presenza da Deputada de Deseño e Artesanía e Patroa da Fundación Tic, Regina Polín, e o produtor executivo e presidente de Coolfilms, Jordi SantosAlumnos da Escola de Imaxe e Son formaron parte do equipo técnico de realización e produción, reforzando así a súa formación práctica de cara á súa futura inserción laboral

Os interesados en asistir á proxección da última longametraxe da produtora lucense CoolFilms, O crime da legua dereita, o día 25 de outubro no Salón de Actos de San Marcos en dúas sesións programadas para as 20:30 e as 22:00 horas, aínda poden facerse con algunha das últimas entradas gratuítas dispoñibles. Para iso, só teñen que achegarse a retiralas na Unidade de Atención ó Cidadán, nas dependencias do Pazo provincial.

O acto contará coa presenza da Deputada de Deseño e Artesanía e patroa da Fundación TIC, Regina Polín, que estará acompañada polo produtor executivo e director do filme, Jordi Santos, e polo resto do elenco artístico e técnico que tomou parte na rodaxe. Unha vez exhibida en Lugo, a produtora Coolfilms ten pensado mover esta longametraxe por numerosos festivais cinematográficos de toda a xeografía española.

O filme inspírase nun asasinato ocorrido hai 100 anos nunha aldea de Vilalba, a partir do cal CoolFilms crea unha historia de suspense ambientada na actualidade, que levará a dous policías a resolver novos crimes. Rodada en diferentes localizacións dos Concellos de Sarria, Friol, Lugo e Vilalba, O crime da legua dereita naceu coa intención de ser unha curta, pero a boa acollida da historia entre o numeroso público seguidor dos traballos desta produtora fixo que os seus responsables a convertiran nunha longametraxe.

Colaboración da Fundación TIC

Un grupo de alumnos dos ciclos superiores de Produción e Realización da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, participou directamente no proxecto formando parte do equipo técnico. A través de abundantes colaboracións con iniciativas audiovisuais coma esta, a Fundación TIC ofrécelle ós seus alumnos a posibilidade de realizar numerosas prácticas reais, para acadar así unha experiencia profesional máis ampla e completar a súa formación de cara á súa futura inserción laboral. A Escola de Imaxe e Son é o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas superiores de formación profesional da familia audiovisual, ofertando 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores de Realización e Produción, tendo ademais a matrícula gratuíta, agás para repetidores.