Deputación de Lugo

Abre as súas portas a feira Artesanfroilán, exemplo de calidade e rendibilidade en Galicia

Regina Polín inaugurou hoxe a 17ª edición desta mostra organizada polo organismo provincial para impulsar a riqueza artesanal lucense no exterior e apoiar á celebración das festas patronais Esta feira é unha das máis rendibles do sector, xa que xera un volume de negocio medio de 100.000 euros e os artesáns só abonan unha pequena cantidade polos seus stands25 artesáns porán á venda pezas de xoiería, coiro, téxtil ou cestaría, entre outros, na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, do 5 ó 12 de outubro, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou a 17ª edición da mostra Artesanfroilán, que tradicionalmente organiza o organismo provincial coincidindo coa celebración do San Froilán, cun dobre obxectivo: contribuír coa festa e promocionar de cara ó exterior a artesanía da provincia, tendo en conta a considerable afluencia de visitantes locais e foráneos que estes festexos, declarados de Interese Turístico Nacional, atraen cada ano.

Durante a inauguración da mostra, Regina Polín, que estivo acompañada polos artesáns participantes destacou que “o Artesanfroilán é un inmellorable escaparate para dar a coñecer a cantidade e calidade do sector en Galicia. É unha inversión, e non un gasto, poñer en marcha e colaborar con iniciativas que contribúen a dinamizar as economías locais”

Unha das feiras más rendibles

O Artesanfroilán é unha mostra de referencia no sector, pola calidade dos produtos presentados e o volume de negocio que acada ano tras ano, que ronda os 100.000 euros. Hai que ter en conta, ademais, que os profesionais participantes só abonan unha pequena cantidade polos stands habilitados –unha terceira parte do que se paga por un posto destas características noutras feiras-, obtendo a cambio “unha magnífica situación, nunha zona de paso de milleiros de persoas nos días do San Froilán”, subliñou Polín.

25 artesáns seleccionados

Os 25 profesionais que contan cun posto na feira foron seleccionados seguindo os criterios sinalados nas bases feitas públicas. Estes foron, entre outros, a sostenibilidade e a innovación no proceso produtivo, o respecto polo medio ambiente a través do emprego de materiais e substancias de orixe natural, ou que estivesen representadas a maior variedade de técnicas posible.

Os artesáns que participan na mostra veñen de toda Galicia e Asturias. 5 deles proceden da capital lucense,; 1 de Cervo; 2 da Fonsagrada; 3 de Viveiro; 2 de Ribadeo, e 1 de cada un dos seguintes Concellos: Vilalba, Sober, Mondoñedo, Cospeito e Folgoso do Courel.
Outros 4 artesáns proceden da provincia da Coruña; 1 de Ourense e 1 de Pontevedra, así coma 1 artesán asturiano.

Premios ós mellores

Outro dos atractivos desta feira é a tradicional entrega de premios en metálico ós mellores expositores. Coma novidade, este ano haberá premios para os tres máis destacados, dotados con 600, 300 e 100 euros, respectivamente. Os criterios a valorar serán o deseño do posto, a presentación do produto, a orixinalidade, o seu carácter ecolóxico e sustentable e, en definitiva, calquera outro aspecto que supoña un esforzo decidido para mellorar a imaxe da feira.

Ademais dos postos dos 25 artesáns, a mostra inclúe outro expositor promocional da artesanía da provincia, e no que se inclúen obras realizadas en madeira, pedra, cerámica e traxes tradicionais. Artesanfroilán permanecerá aberta entre os días 5 e 12 de outubro, e os visitantes poderán achegarse ata a carpa situada na praza de Anxo Fernández Gómez, detrás do Consistorio lucense, de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas, de xeito totalmente gratuíto.