Deputación de Lugo

Gómez Besteiro envía a Baltar Blanco o protocolo de colaboración para o impulso da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

O Presidente lugués cumpre co compromiso adquirido co Presidente ourensán no encontro que mantiveron en Monforte de Lemos, asumindo a redacción do protocolo que, posteriormente, será remitido ós 21 Concellos da Ribeira Sacra e á Xunta de GaliciaA Deputación de Lugo continúa coa campaña de recollida de sinaturas, superando os 4.000 apoios. O autobús estará esta semana en Taboada. No 2014, sairá da provincia luguesa para iniciar o seu percorrido por outros puntos da xeografía galega e española

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, vén de enviar ó seu homólogo na Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, o protocolo de colaboración para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Gómez Besteiro cumpre, deste xeito, o compromiso adquirido durante o encontro que ambos os dous titulares provinciais mantiveron o pasado 7 de outubro en Monforte de Lemos, e no que concretaron a folla de ruta para acadar a declaración oficial deste espazo natural, que comparten Lugo e Ourense.

Unha vez que as Deputacións acorden o protocolo de colaboración que redactou a de Lugo, este texto será remitido ós 21 Concellos da Ribeira Sacra (13 lucenses e 8 ourensáns) e á Xunta de Galicia. Tendo en conta que o ámbito territorial da Ribeira Sacra comprende dúas provincias e que o ben xa aparece na “Lista Indicativa” de España desde 1996, é necesario o traballo conxunto que están a levar a cabo as Deputacións de Lugo e Ourense. Non obstante, a colaboración do Goberno galego, como responsable da presentación da candidatura ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, resulta imprescindible para que a Ribeira Sacra sexa candidata, oficialmente, a este recoñecemento internacional.

Campaña de sinatura

Paralelamente á redación do protocolo de colaboración, a Deputación de Lugo puxo en marcha a campaña de recollida de sinaturas co obxectivo de sumar apoios en impulso da candidatura oficial da Ribeira Sacra, involucrando á cidadanía. Trátase dunha iniciativa tamén levada a cabo para as declaración doutros bens galegos como a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago, a Torre de Hércules ou a Muralla de Lugo. O autobús rotulado e con información da Ribeira Sacra estivo na cidade de Lugo, Monforte de Lemos, Ribas do Sil e Chantada recabando apoios. Máis de 4.000 persoas asinaron no libro oficial da UNESCO. Ata finais de ano, continuará percorrendo a provincia. Esta semana estará en Taboada. No 2014, comezará o seu itinerario por outros puntos de Galicia e España.

Aposta persoal do Presidente

Impulsar a candidatura da Ribeira para ser declarada Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos asumidos por Gómez Besteiro no seu discurso de investidura no ano 2011, como unha das liñas programáticas do Goberno Provincial. Dende hai un ano e medio, a Deputación estivo traballando neste proxecto. Mantivo varios encontros cos promotores da candidatura da Muralla de Lugo e da Torre de Hércules co fin de asesorarse sobre as xestións necesarias e acadar o mesmo resultado exitoso.

No Pleno Provincial, Gómez Besteiro presentou unha moción, que foi aprobada por unanimidade, para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e dirixirse ás administracións implicadas para a súa imprescindible implicación. Na Deputación de Ourense aprobaron a mesma moción.

Concellos da Ribeira Sacra

Os municipios da Ribeira Sacra (13 de Lugo e 8 de Ourense) son os seguintes: A Pobra de Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda, na provincia lucense; e A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Xunqueira de Espadañedo, Esgos e Montederramo, en Ourense.